O vilalbés José María Vivero pon en marcha unha gandería de cabalos Appaloosas

O proxecto é único en Galicia e dos poucos que hai en España
José María Vivero, con varios dos seus exemplares. EP
photo_camera José María Vivero, con varios dos seus exemplares. EP

As películas de indios e vaqueiros están na memoria de milleiros de nenos e nenas dende hai moitas xeracións. Un deles foi o vilalbés José María Vivero Seoane, que agora xa mozo ve como se fixo realidade un soño da súa nenez, esa na que se criou "ao pé dos cabalos" e na que, como el mesmo recoñece entre risas sendo "sempre un pouco indio", vía fascinado eses exemplares moteados sobre os que cabalgaban e loitaban os indíxenas americanos.

Moitos anos suspirando por eses peculiares cabalos, os Appaloosas, foron os que tivo que esperar ata que por fin, e non sen traballo e unha importante labor de investigación, puido poñer en marcha a súa propia gandeiría para a cría de exemplares desta raza, a Appaloosas Sete Pontes.

"Sempre me gustaron os cabalos, fun un namorado deles. Con cinco anos xa me regalaron o primeiro, Furia. Quen me inculcou isto foi miña avoa materna, Modesta da Carballeira, que tiña eguas e bestas e criaba mulares para vender no San Froilán e para mandar a Castela. Ademais, cando era pícaro lía revistas como 'Ecuestre' e vía a gandeiría Ramadería GV, de Cataluña e que cría Appaloosas, e eu pensaba: quen me dera o día de mañá facer algo igual que isto", rememora.

Nesta viaxe no tempo ata chegar a cando ese soño se cumpre, hai unha parada especial. Con 17 anos empezou a buscar e tivo a oportunidade de mercar a súa primeira egua desta raza, "pola que tanto suspirara e para a que tanto aforrara", a cal aínda ten.

Tras un pequeno parón mentres se tivo que ir estudar fóra e «non podía estar pendente dos cabalos, era máis un hobby, segue "suspirando" por ter unha gandeiría propia cos cabalos dos seus soños. "Decido empezar un proxecto de cría de Appaloosas. Despois de moito pensar, informarme, ver liñas de sangue e buscar os que me interesan, merco en 2019 dúas eguas de cría, Sharon e Lulú, cubertas e das que nacen os primeiros poldros. E aí véxome en que teño que tomar a determinación de criar só eses dous poldros ou ir máis alá e buscar un semental e criar nós", explica José María.

E decidiu lanzarse á piscina. "Hai seis meses trouxemos outra egua e un semental, Billy. Imos intentalo, pouco a pouco e cos pés na terra, criando poldros, concentrándonos sempre na mellora xenética e vendo as mellores dinastías de cabalos Appaloosas de liñas americanas. Son cabalos puros Appaloosas con rexistro en Estados Unidos, que leva unha trazabilidade de enfermidades heriditarias, que nos nosos son todos negativos", explica, ao tempo que sinala que tamén se esforza en buscar "cabalos de moi boa cabeza, que sexan bos para a doma".

Para poder facer realidade todo isto, José María tivo que informarse "moito" e "mirar todo moitísimo". "Cando traes cabalos do estranxeiro é moi complicado a nivel loxístico", recoñece. E é que en Galicia non hai ningún proxecto deste tipo que se dedique a criar puros Appaloosas e en España "hai algunha que os está criando e polo sur empeza a haber algunhas que teñen sementais para capa".

Por iso, a saída deste tipo de animais "non é moi grande" e o que sae "é para fóra", como os dous poldros que foron para Madrid e Barcelona, despois dun coidado proceso de destete aos seis meses e un "bo arranque" na alimentación con pienso para que "teña un bo crecemento". Para o próximo ano, espera ter tres máis, xa que tres eguas están preñadas. "Quen pense que quen estamos criando cabalos nos facemos ricos, ten un problema. Se vendemos un poldro podemos ir termando un pouco do noso hobby", di.

E en toda esta aventura tamén é necesario contar con compañeiros de viaxe, que no seu caso son "David, un bo amigo que é criador de cabalos, que me guiou no papeleo", e a súa prima Almudena, profesora de inglés e á que recorre "cos papeles que veñen de Estados Unidos".

Comentarios