RIBEIRA DE PIQUÍN

Son das gaitas na cuna dos mellores punteiros

Ribeira de Piquín foi durante décadas lugar de peregrinación para gaiteiros chegados de tódolos rincóns de Galicia na procura do obradoiro de Seivane. Sempre será parte da historia de música galega 

Antigo taller de Seivane, en Ribeira de Piquín. OBRADOIRO SEIVANE
photo_camera Antigo taller de Seivane, en Ribeira de Piquín. OBRADOIRO SEIVANE

Poboación
Ribeira de Piquín suma 554 veciños segundo os últimos datos do Ige. 
Vista atrás 
Constituído en 1935, é un dos concellos máis modernos de Lugo, pero ten unha longa historia como demostran os achados arqueolóxicos cerca da Pena de Nuria ou na Insua. Tamén en Montefurado, onde se conserva un paso baixo terra efecto das minas de ouro dos romanos. 
Curiosidades
Din que hai gaitas de Seivane no 50% das casas, pero hai algo que as supera. En Ribeira de Piquín hai un hórreo de planta asturiana practicamente por vivenda, preto de 500. 

O SON DA GAITA resoará sempre nesa paisaxe impoñente, verde, de camiños zigzagueantes que suben cara ao Alto do Couso para baixar sen descanso, trepidantes, perdidos entre unha natureza que envolve, para beber do que foi (e é) un dos importantes troiteiros, o Eo. 

A poucos pasos do rebulir das súas augas, no Chao do Pousadoiro, Seivane, coa gaita ao lombo, abre unha porta directa a ese pasado que forxou coas súas propias mans para a historia da música tradicional galega. Foi realidade e lenda, creador e gardián dun incalculable patrimonio que hoxe continúan promovendo os seus fillos e netos, cos segredos compartidos, dende o obradoiro de Cambre, a onde se trasladaron as tres xeracións en 1994. 

Durante décadas, case 50 anos, Seivane converteu Ribeira de Piquín en lugar de peregrinación para gaiteiros chegados de tódolos recunchos de Galicia e son moitas as historias que se gardan daquelas viaxes iniciáticas guiadas polo embruxo da música na procura do meigo da gaita. 

"Traballaba sen parar, sobre todo cando estaba investigando algo, incluso despois da cea, ás veces ata as tantas da mañá. Sempre soñou con facer o punteiro perfecto. Algunha vez tense levantado da cama para poder realizar o que se lle ocorrese", rememora Álvaro, un dos seus tres fillos.  

Nado en Fonmiñá en 1921, construíu a súa primeira gaita coa maioría de idade no taller do seu pai Francisco, que era ebanista. Pero asentou o seu taller no municipio que simbolizan as troitas cando casou con Fuencisla Magide en 1951. Primeiro na casa familiar da Vara, en Navallos, logo no Chao do Pousadoiro. 

"Tiñamos o único teléfono do Chao en Casa Horacio e o 70% das chamadas do pobo eran para el. Tiña tantas que puxemos un timbre que ía directamente ao seu taller, a 200 metros, e el collía a súa Derbi e viña para contestar máis rápido", rememora Roberto Vidal. "Foi un personaxe moi importante e segue séndoo. O seu recordo está vivo", engade. 

"Era un artista. Foi barbeiro, zoqueiro, gaiteiro, carpinteiro... Tiña o taller aí ao lado, na súa casa —o número 11—, debaixo da escaleira, e viña moitísima xente. Por Ribeira de Piquín viñeron os grandes gaiteiros da época", rememora José Antonio Ares, primo da súa muller e propietario dun negocio con máis dun século de vida. E conta anécdotas pasadas, como cando Seivane lle pedía aos rapaces que tocaran unha peza antes de encargar a gaita ou cando estes alucinaban porque os seus punteiros "daban a escala cromática", ou do presente, como unha entrevista que lle fixo hai pouco un mestre de filoloxía da UDC, Xosé Manuel Sánchez, para escribir un libro sobre o artesán. 

"Foi unha eminencia e parte da nosa historia. En máis da metade das casas da Ribeira hai unha gaita de Seivane, outra cousa é que haxa quen a toque", apunta un veciño, ao tempo que outro fala da perda que supuxo que marchase —era mestre de gaiteiros e artesáns e o seu taller un imán de visitantes— e da pena de que non queden grupos. 

"Sempre nos tirou a gaita polo recordo de Seivane e os seus fillos fixeron varias para xente da miña xeración. Xa ninguén pensaba noutra opción. Non pedías ningún outro presuposto, e eles traíanas", recorda Laura Cabo, de Barangón. Pero incide en que son afeccionados. Houbo varios grupos en Ribeira de Piquín, e importantes gaiteiros, pero a modernidade e o despoboamento fixeron que fosen desaparecendo. 

"Desfíxose todo pero a súa pegada permanece. Queda unha xeración de mozos que fixeron cursos e os fillos veñen de vez en cando e aínda soan as gaitas", din, mentres outros, como Luis Fernández, van un paso máis alá. "Un dos fillos dicía de recuperar o grupo no que tocou, Airiños da Ribeira. E sería un soño. Eu ía moito ao seu taller cando era cativo", recorda. Foi membro da asociación Recunchos, que lle organizou unha homenaxe no ano 2008. 

O grupo de Seivane, no que el tocaba o clarinete, Darío Díaz e José Ramón López as gaitas, e Benxamín Díaz a caixa, foi unha referencia na comarca durante os anos 50, 60 e parte dos 70. 

"Ribeira de Piquín foi cuna de gaiteiros e influíu moito que Seivane estivese aquí. Eu toquei tres anos con eles, no lugar de López, era o máis novín e desfrutaba moito. Andabamos toda a rodeada", di Jaime Otero, que conserva a primeira gaita que lle fixo o mestre, cando tiña 13 anos. "Encantaríame que volvese o grupo", di. 

Se cadra cúmprese o soño. E recorden, como dicía Seivane e o seu amplo refraneiro: "Un día a gaita falou e dixo, límpame e afíname ben na casa que te hei deixar ben na praza". 

CO OLLO ABERTO
Caveiras dos Vaos. Cinco caveiras humanas sitúanse no pórtico da igrexa dos Vaos, que pertenceu á orde de San Xoán de Malta. Uns din que son nenos, outros antigos monxes, pero a súa orixe é un misterio.
CANCIONEIRO
Muiñeira do Chao. Foi unha composición de Seivane dedicada a Ribeira de Piquín. 
Dedicatorias. Moxenas escribiu a Xota para Xosé Seivane e Agachadiña, para a súa neta Susana. Enrique Otero dedicoulle Fandango Ribeirán.  
POR ESCRITO
Aníbal Otero. Lingüista e escritor represaliado, publicou varios libros —Contribución al diccionario gallego, Esmoriz ou Vocabulario de San Jorge de Piquín, no que recolle algunha lenda como a das campás de Pena Millares —de ouro e encantadas— ou a do home da lagoa de Campo do Couso, que aparecía e desaparecía. 
La muerte de cara. Miguel A. Abraira publica un artículo para saber máis sobre as caveiras dos Vaos e outras. 
CON MOITO GUSTO
Troitas. Son o emblema do municipio —unha saltou ao escudo— e un gran reclamo. Pero xa o di o dito, "o Rodil leva a auga e o Eo a fama".
PARA SENTIR
Mámoas nos Vaos. Das mámoas pouco queda, pero si a historia sobre un lugar de enterramento de nenos falecidos antes de ser bautizados. Dicían que o que se achegaba oía o pranto.
Paso do tempo. Ribeira de Piquín é a cuna de Lombardero, un famoso reloxeiro. Queda o escudo familiar en Vilarpescozo e un reloxo de sol nos Vaos. 
CANTO CONTO
Dito. "Na Ribeira de Piquín tres para cargar un burriquín: un ata, outro ten e outro mira se van ben" é unha frase coñecida polos veciños. 
Copla. "Muiñeiros en Piquín, ruadores en Santalla, irémonos ás Figueiras, que mazan bien la badana. Moito señorío en Boel, Santa Comba xente honrada, sufraldegos en Navallos, manteigueiros os da Vara e en Esqueira la canalla (...) Zapateiro en Pousadoiro e en Paíme moita castaña. Vamos camín de San Jorge, alí a vanidade andaba. Moito vento en Acebedo y acolada fai Pousada. Traxes en Montefurado, maiceiras en Soutelo e en Lamas, la caravana. Bajaremos a Os Vaos que tocan bien la campana. Muxén e Seoane, moita cabra. Beben viño os de Llencias. Subiremos a Invernego, que se bebe por un pelo. O San Antón en Vilar e en Cartea la manzana (...). Buenos campos tiene Xestoso para dar vista a Fonsagrada, alí hai buenos gatos que maman bien la plata", recitan aínda algúns. 
Sima en Meiroi. Era tan profunda que ningúen chegou a saber onde chegaba, din.
 

 

Comentarios