Sinais cun toque de misterio en Guitiriz

Os veciños de Guitiriz levan varios meses a atoparse con letreiros de creación artesanal que indican parroquias, aldeas ou puntos de interese, pero ninguén parece saber quen os fai
photo_camera Algúns dos novos e misteriosos sinais que foron aparecendo en Guitiriz.

"Quen os fai?". Esta é a pregunta que deixan repetida moitos veciños de Guitiriz ao longo deste verán, dende que aquí e acolá foron aparecendo diversos letreiros, de elaboración completamente artesanal, co nome de parroquias, aldeas ou puntos de interese do municipio.

Polo momento, ninguén parece ter a resposta. E se alguén a sabe, prefire gardar silencio e manter o misterio que rodea a autoría destes senlleiros sinais. Teorías e culpables non faltan, pero polo momento, ninguén se chamou a unhas creacións que son obxecto de miradas, fotografías e tertulias. E por suposto, xa chegaron ás redes sociais.

"Temos un Banksy en Guitiriz", escribía alguén este domingo no grupo veciñal "Es de Guitiriz se...", logo de que o seu administrador, Xosé Antonio Arias, tras pescudar sen éxito entre os compañeiros de Xermolos a posible autoría dos sinais, lanzase a pregunta na procura de desentrañar o misterio, acompañada da imaxe do letreiro do pantano de Guitiriz.

"Son moi curiosos, artesanais, nótase que a persoa que os fixo é alguén que lle ten aprezo ao concello", di Xosé Antonio, que se animou a recorrer ao mundo virtual para tentar darlle resposta a unha dúbida compartida. "A xente estase fixando, porque chaman a atención e están repartidos por todo o concello", precisa. E os comentarios no Facebook, con fotos doutros rótulos ou repasos de onde os viron postos, avalan a súa impresión.

"Parece que temos un duende que sae de noite e se dedica a sinalizar o concello", bromea a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, tan intrigada coma o resto dos veciños por saber quen está detrás da nova e artística sinalización municipal. "Van aparecendo e estamos todos desconcertados, ninguén sabe nada", apunta a rexedora, que convida ao misterioso autor, ou autores, a porse en contacto co Concello. "Se quere que se dea a coñecer e falamos, podemos buscar algún xeito de colaborar", di Morandeira.

Sería difícil precisar cantos son xa os letreiros que se foron colocando ao longo deste verán ou os que poden ir aparecendo, pero semella haber polo menos un por cada unha das 18 parroquias de Guitiriz, e a estes súmanselle os de algunhas aldeas ou barrios, como Pardiñas, Baxoi ou A Torre, así coma os de espazos representantivos do municipio, coma a Fonte de San Xosé de Parga, a área recreativa dos Sete Muíños ou a Cova da Serpe.

En moitos dos sinais figura, ademais do nome do lugar en cuestión, o escudo de Guitiriz. Varios tamén están ilustrados con debuxos alusivos. Os materiais empregados son diversos, igual que as técnicas elixidas: hai dende lousas pintadas ata madeira tallada.

Cada letreiro é unha peza de arte única e irrepetible, quizais froito da necesidade de buscar un pasatempo durante a corentena, quizais unha mostra de querenza por unha terra, quizais un agasallo para compartir, quizais... Cada quen pode elucubrar sobre as motivacións e a autoría, facer pescudas e tratar de resolver o misterio ou, simplemente, agradecerlle ao artista a súa obra e gozar dela.

Comentarios