Unhas 80 persoas benefícianse do servizo público de cátering a domicilio

O programa Xantar na Casa está operativo en todos os municipios da zona agás nas Pontes
Ramiro, begontés de 94 anos, prepara un dos menús diarios do Xantar na Casa. C.PÉREZ. JPG
photo_camera Ramiro, begontés de 94 anos, prepara un dos menús diarios do Xantar na Casa. C.PÉREZ

O pasado mes de abril, o Concello de Guitiriz asinaba coa Consellería de Política Social a súa incorporación ao programa Xantar na Casa, "un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de persoas maiores, dependentes e/ou en risco de exclusión social, con déficits de autonomía persoal, para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús", tal e como explican dende o Consorcio Galego de Igualde e Benestar, responsable da xestión do programa.

Guitiriz, que ofrece inicialmente dez prazas, elevando a 134 as que se ofrecen nos doce municipios de Terra Chá e de Meira que teñen en marcha este programa –na zona, só As Pontes non o ten implantado–, está en trámites para seleccionar os seus primeiros usuarios, que na actualidade roldan os 80 entre os todos municpios que o teñen implantado.

Abadín é o municipio que conta con máis usuarios, 18, e Guitiriz acaba de suamrse ao programa, para o que oferta dez prazas

O Xantar na Casa, ao que a Xunta destina uns 2,3 millóns ao ano e que distribúe ao mes máis de 45.000 comidas –o reparto, con menús para sete días, faise unha vez a semana– nos preto de 190 concellos inscritos, púxose en marcha a finais de 2008.

Abadín, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza e Pol foron os primeiros da zona en sumarse, xa en 2009.

Abadín é o que máis usuarios ten, 18 de 20 posibles, mentres que Pol e Castro de Rei teñen cubertas cinco de seis prazas dispoñibles e na Pastoriza, tres. Cospeito tamén oferta media ducia de prazas, agora sen cubrir, pero para as que está a tramitar a incorporación de tres usuarios. Xermade e Meira sumáronse un ano despois e teñen cubertas, respectivamente, once de 15 e seis de dez prazas conveniadas coa Xunta.

En Vilalba, que se adhería en 2012, tamén son once os veciños que reciben este particular servizo de cátering a domicilio, cunha oferta total de 20 prazas, mentres que en Begonte, que se incorporou en 2013, ten cubertas 13 de 15.

Os últimos municipios en implantar o Xantar na Casa, antes de Guitiriz, foron Ribeira de Piquín, hai cinco anos, cunha oferta de dez prazas, con catro delas cubertas, e Muras, un ano despois, que dispón do mesmo número de prazas nun servizo do que agora mesmo se benefician tres persoas.

Comentarios