Sergio Pazos: "Quero regresar a Madrid coa maleta chea de queixo"

Nacín en Ourense hai 58 anos e aínda que estudei Maxisterio, a miña paixón é a interpretación. Tamén me gusta cociñar e todo o relativo aos produtos da terra, polo que estou encantado de ser o pregoeiro da XXVIII Festa do Queixo San Simón.
El actor Sergio Pazos. AEP
photo_camera El actor Sergio Pazos. AEP

Xa ten experiencia como pregoeiro. En Vilalba improvisará ou ten preparado un discurso?

A verdade é que eu prefiro preparar os pregóns. Gústame levalos ao punto do humor, intento evitar a política e arengo á xente a que o pase ben na festa. Iso si, con sentidiño. E tamén procuro buscar ese punto máxico que ten o produto: así é como me entero de cousas verdadeiramente alucinantes como o famoso debate de por onde hai que cortar o queixo.

Vostede como o corta?

Eu son de cortalo de arriba cara a abaixo.

É a primeira vez que acode á feira de San Simón?

Si, e non podo ter máis ganas. Levo moitos anos vivindo en Madrid e estou desexando poder desfrutar dese queixo marabilloso que tedes e regresar coa maleta chea del. Para min é toda unha honra ser o pregoeiro.

Acompañaría o San Simón con pan de Cea, un mencía e xamón de porco celta"

Moita xente probablemente irá a ver a Paspallás…

Claro! Mira que pasou xa tempo desde que fixen Pratos combinados, pero hai un ano pasoume unha cousa ben curiosa en Santiago. Ía pola rúa paseando e un rapaciño novo mirou para min e dixo: "Paspi, mítico!". E cando te chaman mítico significa que xa vas tendo unha idade [ri]. A xente segue a recordalo moito.

E falando de pratos combinados, con que acompañaría un queixo de San Simón?

Pois acompañaríao cun bo pan de Cea, mirando cara á miña casa, e un mencía. Xa cun xamonciño de porco celta teriamos todo completo.

Di que a gastronomía é a súa amante favorita e nótaselle ben. Pero confese, vostede é máis de comer ou de cociñar?

Gústame moito comer pero tamén desfruto cociñando, sobre todo cunha boa conversa e unha botella de viño ou unha Estrella Galicia polo medio. Tamén che digo que son cocinillas, pero non chef. Eu cociño en 15 minutos e non fago salsiñas nin escumas [ri].

Ía pola rúa e un rapaciño mirou para min e dixo: "Paspi, mítico!". A xente segue a recordalo moito"

En cambio, no profesional foi por camiños ben distintos. Estudou Maxisterio e é actor, de onde lle vén o gusto pola interpretación?

En Ourense somos moi entroideiros e eu sempre fun moito de facer o parvo, de facer actuacións para a familia. A min tirábame moito o teatro e xustamente empecei na miña cidade cando tiña 17 anos. Ao acabar Cou non quixen marchar e decidín estudar Maxisterio, coma miña nai, que era mestra. Despois xa arranquei como actor e aí sigo.

De non ser intérprete, houbera seguido por aí?

Si, houbérame gustado. Penso que a docencia é algo moi bonito. Tamén me tiraba a medicina na rama de cirurxía, pero iso é moi complicado [ri].

Que proxectos ten agora mesmo entre mans?

Este domingo, día 7, estarei no auditorio municipal Hernán Naval de Ribadeo co espectáculo ¡Depende! e proximamente sairei no programa El Cazador Star de RTVE para visibilizar a ONG El Motor de tus Pasos, asociación que recauda fondos para a investigación da enfermidade neuromuscular dexenerativa Charcot Marie Tooth.

Comentarios