viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

O Sergas inviste 300.000 euros en ampliar o centro de saúde de Meira

Centro de salud de Meira. TEÓFILO LÓPEZ
Centro de saúde de Meira. TEÓFILO LÓPEZ
O proxecto, que inclúe a mellora do PAC supón ampliar uns 400 metros cadrados o espazo dispoñible para crear máis consultas e zonas para o persoal

O Servizo Galego de Saúde reserva unha partida duns 300.000 euros para reformar e ampliar o centro de saúde e o Punto de Atención Continuada (PAC) de Meira, co obxectivo de resolver "necesidades de espazo" existentes nas instalacións, tanto para a atención aos pacientes como para o propio persoal.

Unha das prioridades desta actuación é habilitar máis consultas, "acondicionar, mellorar e reformar as xa existentes", precisan desde o Sergas. Así, crearase un novo espazo de enfermería para pediatría e tamén se habilitarán unha sala de toma de mostras e outra de técnicas –para a realización de probas complementarias, citologías, etc.–, xunto cunha sala polivalente.

O proxecto inclúe tamén o acondicionamento da área de admisión coa creación dun espazo específico para o uso do persoal, que estará dotado de sala de estar, biblioteca e vestiarios, entre outras melloras, tal e como precisan desde o Sergas. Esta actuación completarase coa dotación dun novo almacén e un novo arquivo, así como dunha zona de oficio limpo e sucio, e a adaptación dos aseos.

PAC. O proxecto non se centra só na ampliación do centro de saúde, senón que tamén inclúe a mellora das instalacións do Punto de Atención Continuada de Meira (PAC), incluída a creación dun box para a atención a pacientes críticos.

Ademais, no espazo destinado nas instalacións para a PAC está previsto levar a cabo unha reforma das súas distintas áreas, contemplando unha ampliación das diversas zonas, por exemplo a destinada á recepción e admisión de pacientes, a sala de espera dos usuarios ou o área de persoal, onde tamén se actuará nos vestiarios ou o almacén.

O proxecto supón así non só reformar as actuais instalacións, que datan de 1985, senón tamén gañar máis de 400 metros cadrados de superficie, o que se espera que redunde nunha mellora da prestación do servizo dun centro que conta con dous médicos, dous enfermeiros e un administrativo, ademais da PAC.

Ata 2024
Actuacións de reforma en varias instalacións
As obras de reforma e ampliación do centro de saúde meirego, que inclúen tanto novos espazos como a reforma dos xa existentes, forman parte do plan de infraestruturas sanitarias de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, unha folla de roteiro ata 2024 na que se recollen melloras en media ducia instalacións de toda a provincia, localizadas en Outeiro de Rei, Foz, Ribas de Sil e Lugo, ademais de en Meira.

Seis novos centros
O plan posto en marcha pola Consellería de Sanidade non só contempla reformas, senón tamén a construción de seis novos centros de saúde na provincia, previstos nos municipios de Antas de Ulla, Pantón, Becerreá, Guntín, Lugo (Sacro Corazón) e Ribadeo.

O Sergas inviste 300.000 euros en ampliar o centro de saúde de Meira
comentarios