Javier, a segunda xeración do negocio, bota a vista atrás para recordar os comezos, cando Javier e Emilia, seus pais, deron os primeiros pasos en 1948. "Empezaron con nada e diñeiro prestado", di dun negocio que cambiou moito.
El tomou as rendas en 1994 e seu fillos foron sumándose. "Nós nunca fomos de fóra, nacemos no medio de todo isto, desde pequeniños axudabamos e cada vez vaste involucrando máis", explica Jorge, que fala dunha profesión "vocacional" á que chegou "por decisión propia".
Entrou de cheo no ano 2000. Seu irmán, volveu para quedarse en 2015. "O que sería un lastre é que viñeran
forzados. Están libremente, pero sempre procurei que isto fora unha empresa. O feito de ser fillo é unha condición. Son fillos na casa e na empresa, traballadores", indica Javier, pero recoñece "unha parte sentimental, afectiva, de interese persoal na mesma dimensión" que vai máis alá.
"A maioría das cousas de traballar en familia son positivas, pero o intelixente é saber separar as cuestións de familia das de traballo. Ben é certo que hai un sentimento de orgullo porque a empresa forma parte de ti e da túa vida", explica a terceira xeración, e aínda que recoñecen que quizais hai máis discusións, "porque hai máis intereses compartidos", destacan moitas vantaxes, que "acaban beneficiando ao propio cliente".
"Suponse que se traslada nun mellor servizo", din, e falan dun negocio no que están en contacto continuo coa morte e a carón da xente nos seus momentos máis duros. "A nosa preocupación é que as familias se sintan arroupadas para que ese trance sexa máis levadeiro", din. Eles teñen que facer un pouco de "asepsia". "Como noutro negocio, non podes levar o sentimento dos demais para a casa, pero iso non significa que non compartas a dor", indican.