Sen límite de idade para a festa

Máis de 300 maiores de distintos lugares gozaron da Xira da Terceira Idade na área recreativa da Magdalena nunha das grandes citas que abre o programa das patronais

Un grupo de asistentes a la comida de la Xira de Terceira Idade de Vilalba. C. ARIAS
photo_camera Un grupo de asistentes á comida da Xira da Terceira Idade de Vilalba. C. ARIAS

"As Xiras son as prefestas, o quecemento para as patronais", explicaban Charo Carreira e Manuel Prado, os integrantes da comisión responsable de deseñar o programa dos festexos de San Ramón e Santa María deste ano. Baixo un sol abrasador, os máis ousados atrevíanse coas últimas pezas da sesión vermú nos instantes previos de sentar á mesa.

Máis de 300 maiores de distintos lugares de Galicia, ou incluso de fóra –asistiu xente de Cataluña ou o País Vasco que nestas datas cambia de residencia–, participaron na Xira da Terceira Idade na área recreativa da Magdalena. Na carpa instalada polo Concello xuntáronse unhas 250 persoas para gozar dos sabores da empanada, a paella ou a carne asada servida por Maragata.

Outros –cada vez son menos– apostaron por traer a comida de casa e instalarse á sombra das árbores, como un grupo de veciños de Sarria, e os usuarios do Hospital Asilo de Vilalba e das residencias do Corgo e Castro de Rei situáronse na parte de abaixo, xunto ao bar da praia.

"Nós vimos dende hai moitos anos. É unha forma bonita de reunir á xente, aínda que hoxe unha sombriña para bailar agradecíase, pero non se pode ter todo", apuntaba un grupo de Cospeito e Foz, mentres noutra mesa, uns veciños da parroquia vilalbesa de Lanzós explicaban que esta era a súa primeira vez. "Está ben, seguro que repetimos", expresaron.

Con ritmo na pista, saboreando o menú en compañía, observando desde un recuncho ou entre aclamacións de San Ramón, os maiores demostraron que non hai límite de idade para a festa, que esta vez contou con misa campestre cantada pola coral Luar, a orquestra Dilema e o grupo Escobar. Os mozos collerán a testemuña a fin de semana coa outra Xira.

Comentarios