Segundo Pérez. "O Camiño é unha sorte e unha riqueza para os concellos"

Leva media vida en Santiago, onde en 2011 asumía o reto de dirixir o arquivo da catedral nunha época difícil, coincidindo co roubo do Códice Calixtino. Dous anos despois o Cabido da Catedral de Santiago nomeábao deán. Malia a este intenso labor, nunca deixou de lado a súas raíces chairegas, e volve sempre que pode á súa parroquia natal, O Buriz, da que segue a ser o párroco. Tamén mantivo acesa a súa paixón pola investigación e a escrita, que acada de dar pé a dúas novas obras históricas, centradas nas terras de Parga e nos bispos da diócese mindoniense, sobre os que falará este venres 27, ás 20.00 horas, no CIN de Bretoña.
Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago. LUIS POLO (AGN)
photo_camera Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago. LUIS POLO (AGN)

A Noiteboa é un dos días máis importantes para a tradición cristiá. Que significa o nacemento de Xesús?

Sexa un crente ou non, a historia da humanidade ten unha referencia central que dalgún xeito divide a historia nun antes e un  despois, e esa referencia e o nacemento de Xesús de Nazaret, que para os cristiáns é Deus e home verdadeiro. Isto non impide poder dialogar coas outras relixións que manifestan dimensións do que é a busca da persoa humana dende tódolos tempos e culturas.

Cre que se perdeu un pouco o significado destas datas?

Estas datas teñen unha dimensión espiritual, litúrxica e paralitúrxica, e tamén cultural, vinculada coa relixiosidade popular e as tradicións de cada lugar. Esta segunda dimensión está totalmente en auxe co rexurdimento dos nacementos, as panxoliñas e os vilancicos e incluso representacións de distinto signo, tanto entre os nenos coma na xente adulta. Están a facerse cousas verdadeiramente fermosas.


Sexa un crente ou non, a historia da humanidade ten unha referencia que a divide nun antes e un despois

Como se celebra o Nadal na Catedral de Santiago?

Este ano, por estar a catedral en obras, non se puido facer nada. Porén, ten unha longa tradición, sobre todo nos vilancicos que compoñían os mestres de capela. Por iso o Arquivo Capitular é moi rico en pezas musicais do Nadal. Por outra parte temos tres grandes nacementos que cada ano se expoñen na catedral con grande éxito de visitas.

Notan unha maior afluencia de xente nestas datas? 

Nestas datas acoden moitas familias con nenos que visitan  os misterios que hai en varias igrexas da cidade, e lle dan á cidade un aire novo. 

E de peregrinos?

En canto aos peregrinos, esta é unha temporada baixa. Porén, este ano é chamativo que, nestes días de duro inverno, pasa de 200 peregrinos por día. Veñen xeralmente estranxeiros e na súa maioría asiáticos, sobre todo coreanos.

Como valoraría o significado do Camiño de Santiago para Galicia?

O Camiño de Santiago é unha realidade moi plural a día de hoxe. É un fenómeno que implica varias realidades, desde a económica, pasando pola cultural e antropolóxica, sen esquecer o feito relixioso. Para os concellos da Galicia interior, por onde pasa o Camiño, é unha sorte e unha riqueza. Non hai máis que achegarse aos pobos que están gozando dunha realidade e dunha vida nunca vista. Por iso veñen falar con nós para que non se cambie nada das condicións para obter a Compostela.

É necesario pór en valor o Sepulcro, por el existen a catedral, Compostela e moitas das realidades de Galicia

Falta apenas un ano para un novo Xacobeo logo de once anos de espera, o período máis longo posible. Percíbese xa que 2021 vai ser Ano Santo?

Como sabemos é Ano Santo cada vez que cae en domingo o 25 de xullo. Por iso é en períodos de cinco, seis e once anos. Esta vez é a última data e suscita un especial interese a tódolos niveis. Quen convoca o Ano Santo e o Arcebispo Compostelán e, como vén sendo costume, publica unha carta pastoral invitando ao mundo enteiro a acudir a Compostela. O título da carta deste ano é: ‘¡Sal da túa terra! ¡O Apóstolo Santiago agárdate!’.  Aquel que faga 100 quilómetros a pé ou a cabalo ou 200 en bicicleta pode gañar a graza do Xubileo que, despois de confesar e comungar, gaña indulxencia plenaria que pode aplicar polos propios pecados, polos dos seus defuntos ou pola intención que desexe. Pódese gañar unha indulxencia ao día tódolos días da Ano Santo Xubilar. De feito, son xa moitos os grupos que están apuntándose na Oficina do Peregrino. Veñen das partes máis insospeitadas do mundo.

Como está a ser a acollida do Pórtico da Gloria logo da súa rehabilitación?

A acollida é magnífica e a pesar dos controis case resulta imposible poder satisfacer a todos.

Que outras intervencións sería necesario acometer?

Neste intre o programa de actuacións no interior da catedral vai por moi bo camiño e, se non hai algún atranco, para a inauguración do Ano Santo atoparemos unha Catedral de Santiago totalmente renovada. O que vai feito xa nos permite ver como un ‘derroche’ de beleza. Estamos desexando que a xente poida gozar del.

Que é o que máis lle sorprende á xente da catedral?

O funcionamento do Botafumeiro e o baldaquino coas tres figuras do Apóstolo Santiago: sedente, peregrino e cabaleiro.

Segue a ser o cura da súa parroquia natal, que o fai seguir nela? 

Dado que sempre fun profesor de teoloxía, considerei que non podía deixar a labor pastoral, que é o máis propio dun crego, e sempre atendín algunha parroquia das máis humildes, xa que o meu tempo no daba para máis. Isto deume moitas satisfaccións. Cando me propuxeron traballar na Catedral de Santiago puxen como condición non deixar de atender a miña parroquia natal.

Cando me propuxeron traballar na Catedral de Santiago, puxen como condición non deixar de atender a miña parroquia natal

Como se compaxina o ser deán co ser crego de aldea? 

Cando se trata dunha parroquia pequena non hai dificultade e máis, como é o meu caso, cando tes a axuda de laicos, dunha relixiosa de Guitiriz e dun cura, Xavier, que vive cerquiña.

A perda de vocacións é un problema para a Igrexa, ve factible corrixir esta tendencia?

Esa é unha realidade á que non poden pecharse os ollos, porén é evidente que camiñamos cara a outro modelo de igrexa e, sen medo e sen pausa, hai que arriscarse. As propostas do Papa Francisco sinalan o camiño certeiro.

Ten gran querencia pola investigación, en que está a traballar agora?

Acabo de publicar unha obra: A Diócese de Mondoñedo vista polos seus bispos, que me levou tempo e traballo, e dentro dunha semana sairá outro que se titula: Unha visita á Terra de Parga en 1613, onde se tratan moitas cousas novedosas sobre A Chaira, antigo arcedianato de Montenegro.

Leva anos a traballar para recuperar a figura de San Rosendo, que destacaría?

É a figura máis importante de Galicia na alta Idade Media e o configurador do que hoxe somos.

De preto: "Poño varios nacementos, e na igrexa do Buriz, un ben grande"
O Nadal é...
A luz que o alumea todo.
Pon o belén?
Poño varios: na miña casa, nos meus despachos da catedral e na Oficina do Peregrino. E na igrexa do Buriz, un ben grande.
E decora a árbore?
Non.
É máis de Papá Noel ou dos Reis Magos?
Son dos dous.
E que lles pide?
Pídolles que poidamos dialogar e entendernos desde posturas diferentes no noso país.
Unha viaxe por facer?
Ningunha.
Un escritor?
Santo Agostiño.
Un libro?
Á parte da Biblia, as Confesións de Santo Agostiño.
Unha igrexa ou capela?
A Capela do Santísimo da Catedral de Santiago.
Un lugar ao que sempre volve?
Ao Buriz.
Que queda en vostede daquel neno do Buriz?
Todo. 
Unha figura que sexa un referente para vostede?
Meus pais.
Xubilouse da ensinanza, bota de menos as clases?
Acabo de xubilarme e, como a miña saúde non é a mellor, estou moi liberado.
Xusto vén de pasar unha etapa complicada por esa cuestión, fíxolle repensar cousas? 
Vívoa con paz, xa que estamos nas mans de Deus e El ben sabe o que fai.
O sepulcro da catedral, é do Apóstolo Santiago?
Non me cabe dúbida.

Comentarios