Santa Mariña homenaxeará a Alfonso Blanco e aos paseados do cemiterio

Valdi deseña unha escultura que honra a labor do crego e aso enterrados nunha fosa común. Tres dos represaliados son os coñecidos como irmáns da 'lejía' e outros están sen identificar

El homenajeado y coordinador de la asociación Xermolos, Alfonso Blanco. AGN
photo_camera O homenaxeado e coordinador da asociación Xermolos, Alfonso Blanco. AGN

Os veciños de Santa Mariña e os amigos incondicionais de Alfonso Blanco queren renderlle unha homenaxe ao coordinador de Xermolos, que tamén é o cura desta parroquia guitiricense, fusionando este tributo popular cunha das grandes teimas del, dignificar a memoria das polo menos oito persoas, todas elas paseados da Guerra Civil, enterradas nunha fosa común que se atopa no camposanto.

Esta homenaxe popular, coa que colaboran varios concellos e asociacións de Galicia, levarase a cabo no alto dun penedo localizado en terreos da comunidade de montes veciñais. Alí, nun punto visible para todos os que circulen pola A-6, colocarse un monumento de grandes dimensións que contribuirá a visibilizar a loita pola recuperación da memoria histórica.

"Había unha señora, familiar dos tres irmáns da lejía, que mantivo o contacto con Alfonso e que lles quería facer un monumento, a señora xa morreu e a Alfonso quedoulle esa espiña", explica Mero Iglesias, un dos promotores desta homenaxe popular que busca cumprir con esa débeda e tamén recoñecer o labor desenvolvido por Alfonso en todos estes anos, que xa en 2016 promovía un acto reivindicativo.

O escultor Valdi, colaborador habitual de Xermolos, é o encargado do deseño da peza, unha sorte de estrutura piramidal, feita en aceiro corten, con tres caras, segundo precisa Mero: unha dedicada a todos os "bos e xenerosos que defenderon a dignidade e a legalidade", outra centrada en Alfonso Blanco, e a terceira cunha flor vermella, que lembra a afiliación socialista dos irmáns García García.

O escultor Valdi, colaborador habitual de Xermolos, é o encargado do deseño da peza, unha sorte de estrutura piramidal feita en aceiro corten e con tres caras

E é que aínda que se cre que na fosa común de Santa Mariña estarían enterrados, a medio metro de profundidade, polo menos oito persoas, só parece comprobado que esta foi o último destino dos irmáns France, Bebel e Jaurés —este inicialmente fora encarcerado por ser menor de idade, pero despois tiroteárono nun suposto intento de fuga—, tres dos coñecidos como irmáns da lejía— o Concello da Coruña dedicoulles a rúa Hermanos de la Lejía— polo negocio da familia, de venda de lixivia.

"Sábese que hai máis polo que conta a xente, que obrigaron aos veciños a levalos en carros, que había catro e que en cada un deles ían dúas persoas, atadas aos fungueiros para que non caeran", recorda Mero, que precisa que tamén se cre que varios dos mortos sen nome que ocupan esta tumba eran da zona de Ferrol.

"Matáranos na Coruña, pero igual que os de Vilarraso de Aranga —onde hai outra gran fosa común— trouxéronos para o límite da provincia, era un dos costumes que tiñan, para infundir aínda máis medo", apunta Mero Iglesias sobre as razóns que levaron a que fose Santa Mariña, limítrofe coa provincia da Coruña, o lugar escollido para desfacerse dos cadáveres dos represaliados.

Comentarios