Santa Mariña enterra con "dignidade" a oito represaliados do franquismo

As vítimas foron exhumadas dunha fosa común en 2019 pola ARDF tras anos de traballos
Efrén Castro, Marisol Morandeira e varios voluntarios depositaron os restos dos oito represaliados. C.PÉREZ
photo_camera Efrén Castro, Marisol Morandeira e varios voluntarios depositaron os restos dos oito represaliados. C.PÉREZ

Tiveron que pasar máis de 80 anos, pero finalmente Edmundo Peinado Ponte, Luis Palleiro Freire, Ángel Rilo Raposo, Antonio González Costa, o descoñecido Fermín, e outros tres descoñecidos máis, foron inhumados "con respecto, agarimo e dignidade" nunha tumba colectiva, a só uns metros de onde foron enterrados, logo de seren reprasaliados, a finais de 1936, nunha fosa común ao pé da igrexa da Santa Mariña.

Recórdao ben o nonaxenario José Martínez Vázquez, que contaba só seis anos daquela, mais lembra que os asasinaron no marco da provincia e os trouxeron en carros. Fixeran unha fosa noutro lugar, pero de noite inundouse e tiveron que buscar un lugar alternativo.

El sempre soubo onde estaban, e foi fundamental para levar a cabo as exhumacións que se materializaron en xullo de 2019 grazas á Asociación por la Recuperación de los Desaparecidos en el Franquismo (ARDF), logo de anos de traballos previos e facendo fronte a máis dun pao nas rodas, e mesmo a negacións da existencia da fosa, tal e como lembraron Santiago Cascas e Ángela Piñeiro.

"Non os vin enterrar, pero sabía que estaban aí e esto é de xustiza", di este veciño que quixo estar presente no enterro e na homenaxe deste domingo. Tampouco podía faltar Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos e párroco da Santa Mariña, que sempre traballou para que se coñecese a súa historia, igual que a dos Irmáns da Lexía, os tres mozos coruñeses paseados na Santa Mariña. "Sempre os consideramos nosos, están aquí, escoitan a música cando facemos festa en xullo e comparten as nosas bágoas cando vimos despedir neste cemiterio a veciños e a veciñas, eles están con nós, forman parte de nós", asegurou Alfonso.

Ángela, Santiago, José e Alfonso, ante a tumba colectiva. C.PÉREZ
Ángela, Santiago, José e Alfonso, ante a tumba colectiva. C.PÉREZ

"O máis importante que podemos facer na vida é loitar polo que queremos, polo que é noso", destacaba tamén na súa intervención, recordando que "todos os anos temos aquí en Santa Mariña unhas xornadas dedicadas á memoria, a coñecer máis a fondo esa loita de todas estas persoas, non só dos que estamos lembrando hoxe", posto que "a liberdade que temos, que podería ser máis e hai que seguir loitando por ela, é grazas a eles e elas".

"Esto é un fito, e seguimos adiante, porque as novas xeracións teñen que coñecer a nosa historia e ás persoas que a construíron, que non lle pase o que nos pasou a nós, que nos secuestraron eses anos de historia no ensino", concluía Alfonso, animando a peregrinar á Santa Mariña –ou a Fervenzas (Betanzos) e Vilarraso (Aranga), donde a ARDF organizou actos similares en días previos– e sobre todo, a loitar por "manter o facho aceso da liberdade".

"Hoxe é un día de dignidade", apuntaba pola súa banda o deputado provincial de memoria histórica, Efrén Castro, cuxa área asumiu, a través dun convenio coa ARDF, o financiamento íntegro da dignificación dos restos das vítimas dun crime, xa que, incidiu,"aquí non houbo guerra".

"A loita de persoas coma eles dignifícanos como pobo», aseverou o deputado do BNG, asegurando que "somos nós os que temos que estar agradecidos", pois "sen xente coma eles, que entregaron a súa vida en defensa de valores democráticos, aínda estariamos nesa longa noite de pedra".

"Acenderon un facho de esperanza para que xeracións como a miña poidamos expresar as nosas ideas políticas sen medo a represalias", engadiu Castro, que tamén valorou a importancia de "contar o que pasou", tanto porque "outras moitas persoas seguen aínda nas cunetas" como para que a sociedade traballe "para non deixar volver a historia atrás", aludindo a que "no Estado español e en Europa está a rexurdir o fascismo".

Santiago Cascas e Ángela Piñeiro, que agradeceron o apoio do Concello de Guitiriz, representado pola alcaldesa, Marisol Morandeira, e de todos os colaboradores, quixeron reivindicar a necesidade dunha "boa lei de memoria histórica para resolver o presente e o futuro, reparar o pasado e crear xustiza social democrática".

Os dous recitaron e cantaron obras adaptadas para dedicarllas aos represaliados, especialmente a Edmundo, cuxo nome apareceu nunha botella depositada canda el. Había catro xunto aos cadáveres, que foron soterrados con coidado, un á beira doutro, a pouca profundidade, o que fixo que fose "a fosa máis sinxela de escavar". Acompañados pola música dos Valuros, déronlle voz ás oito vítimas nunha homenaxe "como demócratas que foron, como republicanos antifascistas, pola súa loita en vida" e despedíronos nun "día de emoción e alegría", cun acto "de verdade e de xustiza".

Comentarios