Santa Locaia honra ao crego Javier Rodríguez Couce cunha placa

O bispo mindoniense oficiou unha misa na memoria do párroco, promovida por amigos, por fregueses e polo Concello de Castro de Rei
Descubrimento da placa en memoria de Javier Rodríguez Couce en Santa Locaia. C.PÉREZ
photo_camera Descubrimento da placa en memoria de Javier Rodríguez Couce en Santa Locaia. C.PÉREZ

Co vento zoando entre as follas dos castiñeiros e coas raiolas quentando unha soleada tarde de outono, ducias de persoas honraron ao carón da igrexa de Santa Locaia a memoria de Javier Rodríguez Couce, un crego "moi humilde e moi humano" que finaba os 50 anos o 14 de outubro.

Amigos, fregueses e o Concello de Castro de Rei uníronse para homenaxear a un home de Deus que deixou unha fonda pegada en todas aquelas persoas que o coñeceron e o trataron nos seis anos que botou nas terras chairegas, ás que chegou para axudar a outros dous párrocos, Jesús Muinelo e Xosé Manuel Carballo, cos que agora comparte eternidade.

"Sempre no corazón dos teus amigos", reza o ramo de flores colocado ao pé da placa pétrea descuberta na súa memoria, xusto ao carón da imaxe orixinal do Sagrado Corazón, hoxe ao pé da igrexa ao ser substituída por outra nova no monumento do Monte da Escrita, ao que se referiu o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, como un "símbolo" para os veciños da volta.

Ben preto dese "lugar emblemático" ao que se chega seguindo un vía crucis, o rexedor quixo lembrar a "función social, ademais da eclesiástica dos curas nas zonas rurais", unha responsabilidade que Javier coñecía e entendía, polo que acudía con frecuencia ao concello ou falar coa traballadora social para tentar axudar aos seus fregueses en todo o posible, nas pequenas cousas, no día a día.

Á importancia dos pequenos xestos diarios e das persoas humildes tamén facía alusión o bispo da diócese de Mondoñedo Ferrol, Fernando García Cadiñanos, avogando pola unión das comunidades parroquiais "para juntos describir y soñar la iglesia que queremos para el día de mañana".

"Dentro de la tristeza, siempre es un día de alegría cuando nos juntamos", dixo García Cadiñanos ao comezo da cerimonia relixiosa que precedeu o descubrimento da placa, acto no que Yago tocou coa gaita a "Marcha do Antigo Reino de Galicia" e no que Marta Pacín lle dedicou unha canción a Javier.

Comentarios