Recunchos a descubrir

San Alberte: Unha ponte, unha fonte, un santuario

Un dos paraxes máis senlleiros de Guitiriz é este recuncho á beira do río Parga, atravesado polo Camiño Norte de Santiago e no que se funden relixiosidade, cultura, patrimonio, natureza e tradición popular
Capela e cruceiro do San Alberte. C.PÉREZ
photo_camera Capela e cruceiro do San Alberte. C.PÉREZ
Localización
Apenas uns metros antes do punto quilométrico 532 da N-VI, á man esquerda se se vai cara á Coruña, está o desvío que cruza a ponte sobre o río Parga e leva ao santuario.
Muller de Pedra, a augadora de Víctor Corral na N-VI. C.PÉREZCuriosidades
Tamén na N-VI, co río e a vía do tren ás costas, está a Muller de Pedra de Víctor Corral, como coñecen no lugar á escultura dunha augadora.
Saih do San Alberte. C.PÉREZSaih
A Confederación Hidrográfica Miño Sil instalou no San Alberte un Sistema Automático de Información Hidrológica (Saih) a través do que recolle en tempo real diversos datos sobre o estado do río. 

 

Os peregrinos levan séculos dirixindo as súas pegadas cara a Santiago. E para os do Camiño Norte, o San Alberte, na parroquia guitiricense de Sambreixo, é paso obrigado. Moito antes de que a N-VI fose tal e de que as vías do ferrocarril Palencia-A Coruña e o paso a nivel se fixesen realidade, xa se erguían sobre as augas do río Parga a ponte medieval de San Alberte (BIC dende 1991) e os seus arcos, cada un dun estilo arquitectónico logo da reforma do XVIII.

Ponte do San Alberte. C.PÉREZ

Un paseo efémero polo asfalto permite volver pisar un deses camiños de sempre, entre valados e árbores, ata atopar, case sen querer, o emblemático conxunto que conforman a capela medieval do San Alberte, esa Fonte da Fala á que levaban de pequeno a Manuel María para que dominase a arte da palabra, o cruceiro da canteira local Josefa Pereira, ou as ruínas dunha vella pousada.

"O tempo vai de Parga a Pastoriza", escribía Díaz Castro no seu poema máis célebre, Penélope, un verso un milleiro de veces cantado e contado que lembra a vella romaxe hoxe recuperada por Xermolos e sempre acubillada polo máxico contorno do San Alberte, que infunde vida aos romeiros, aos peregrinos, aos camiñantes que seguen o curso do río pola Ruta da Auga, aos troiteiros que agardan que pique algo...

Fonte da Fala, no San Alberte. C.PÉREZ

Comentarios