viernes. 20.09.2019 |
El tiempo
viernes. 20.09.2019
El tiempo

En saia ao instituto: ¿liberdade ou decoro?

O IES Moncho Valcarce das Pontes. M.M.
O IES Moncho Valcarce das Pontes. M.M.

Alumnas do IES Moncho Valcarce das Pontes denuncian "amoestacións" pola súa vestimenta e o centro négao

As redes sociais e os grupos de WhatsApp dos alumnos, pais e profesores do IES Moncho Valcarce das Pontes colapsáronse na tarde do martes. Unha mensaxe na que acusaban o centro de prohibir o uso de saias, tops ou pantalóns curtos nas mulleres desatou todas as alarmas. No escrito asegurábase ademais que estas poderían ser sancionadas cunha "amoestación" se incumprían "a norma".

"En pleno século XXI é incrible que un centro escolar sexualice deste xeito cos nosos corpos e que non nos poidamos vestir como máis cómodas nos sintamos. Están a prohibirnos ser nós mesmas, ser libres", rezaba a mensaxe dunha das alumnas que se compartiu como a pólvora, e que ía acompañado dunha caricatura dunha profesora sobre a que recaen as presuntas "coaccións e ameazas".

A dirección do centro mostrouse sorprendida co alcance dunha noticia que cualificaron de "bulo". "Non entendemos de onde puido saír todo isto, non hai nada", asegurou o director, recordando que só existe unha norma "de fai máis de dez anos" na que se prohíbe o uso de gorras en clase.

"Eu nin sequera estaba no centro, pero ao parecer fíxose para previr posibles problemas co veo nunha época na que estaba moi cuestionado este tema nas escolas", indicou, "impotente" ante unha situación que desexa que se aclare canto antes e non quede sobre ela ningunha sombra de dúbida", dixo.

A xefa de estudos, que é tamén a profesora sobre a que recaen as acusacións, mostrouse especialmente afectada. "Xamais se lle chamou a atención a ninguén pola súa indumentaria. E se algunha vez se tratou o tema foi orientándoo desde o diálogo e con carácter educativo", asegurou.

A xefa de estudos, e profesora sobre a que recaen as acusacións, di que xamais se lle chamou a atención a ninguén"

"No inverno pódese facer un comentario de abrígate que che vai dar algo, pero é algo de sentido común e por cuestións de saúde, pero este ano, nin iso", afirmou, recalcando que o tema se vai investigar para que non se volva repetir, porque nos prexudica a todos", sentenciou.

De feito, tal foi o balbordo que se montou que este mércores, nunha xornada na que como medida reivindicativa algunhas das alumnas se animaron a acudir ao instituto en saia -tamén algún alumno enfundou un tutú a modo de protesta-, a dirección convocou a tres representantes da Anpa para manter unha reunión urxente na que explicaron a súa versión.

Ademais, "e para tranquilizar a toda a comunidade educativa", segundo explicou o director, convocarase o venres un "claustro urxente". "Reunirémonos os profesores para analizar a situación e decidir se temos que tomar algunha medida", indicou.

Logo das vacacións de Semana Santa, tamén se celebrará un consello escolar para abordar esta cuestión. "Oxalá non ocorrese nunca, pero agora o que queremos é que se aclare canto antes", concluíu o director.

En saia ao instituto: ¿liberdade ou decoro?
Comentarios