Ruví, zapatos made in Castro

"Que o zapato se adapte ao pé e non o pé ao zapato" é a máxima de Víctor Pérez, que hai pouco máis de dous anos abría Ruví Zapataros en Castro, logo de moitos anos de profesión en Lugo, para poder cumprir un soño, deseñar o seu propio calzado
2020082714233491350
photo_camera Víctor, na súa zapatería. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ

O zapateiro do Sagrado Corazón. Por máis de dúas décadas, ese foi o nome polo que todo o mundo coñecía a Víctor Pérez, quen co paso dos anos foi pasando de ter clientes a amigos e practicamente a crear unha familia ao redor do seu pequeno local na capital luguesa. E foi precisamente iso, a necesidade de ampliar para poder facer realidade o soño de fabricar os seus propios deseños, o que fixo que hai pouco máis de dous anos se mudase á Praza Irmáns García Abad de Castro de Ribeiras de Lea.

"Estamos contentos co cambio, temos moi boa clientela, moi boa xente, e seguen vindo de Lugo", conta Víctor dende detrás do mostrador de Ruví Zapateros, onde, efectivamente, fai os seu propios zapatos, pero tamén repara e vende calzado, fai duplicados de chaves, afía ferramentas e ata vende prensa, o que explica o seu amplo horario, de 6.30 a 13.30 horas, de luns a domingo, e de 16.00 a 20.00, de luns a venres.

"Aquí tanto se plancha un ovo como se frite unha camisa", di Víctor, disposto a aceptar calquera reto que lle plantexe quen entre pola porta, por raro que poida parecer. Foi así como acabou por deseñar unha sela de montar ou unhas polainas de coiro. Estas foron un encargo dun xornalista australiano que estaba de vacacións pola zona. Queríaas para previr as mordeduras das serpes, e debéronlle gustar, pois ata lle mereceron un artigo nunha publicación do país austral.

En Ruví Zapateros repárase e véndese calzado, fanse duplicados de chaves, afíase ferramenta e tamén é punto de venda de prensa

Non resulta raro se se coñece a filosofía de Víctor: "Aquí o cliente ten que saír satisfeito, se entra cun sorriso, ten que saír a gargalladas e se entra serio, polo menos que saia rindo", asegura un home que di que "menos de monaguillo" ten feito "de todo", aínda que traballar coas mans e a ilusión de facer calzado sempre foron as metas primordiais dende que o contrataran no Mister Minit de Carrefour en Lugo.

Hoxe ese obxectivo é xa unha realidade. Víctor encárgase de todos os pasos do proceso de elaboración dos seus deseños: cortar os patróns, aparar -coser as pezas- e montar. A maiores dos encargos específicos, ten xa cinco modelos de calzado para as mulleres -bailarina, sandalias, menorquinas e dous tipos de botíns- e dous para os homes -un zapato clásico de cordón e sandalias- que están a ter unha grande acollida entre os seus clientes.

Avalada a súa profesionalidade por un certificado da Xunta -di que son apenas unha ducia en toda Galicia- e, o que é igual de importante, pola satisfacción dos que o usan, Víctor define o seu calzado, fabricado en coiro, como "cómodo e lixeiro, mirando o pé para adaptar o zapato a el".

E, por suposto, é personalizado. "Sempre e cando se poida facer, estamos dispostos, que nos pregunten", di Víctor, que precisa que unha petición habitual é que o calzado leve dúas cores, e mesmo houbo quen pediu oito: "Diseñámolos con catro en cada zapato e marchou moi contenta".

Lembra tamén un cliente de Barcelona que o verán pasado lle encargou unha sandalias. Sonlle tan xeitosas que volveu para pedir outras en distinta cor. "Fixémolas nunha semana", comenta Víctor, que precisa que en tres días se pode facer un par de zapatos, sempre que se lles dedique tempo, algo do que el non sempre dispón, ao compaxinar a súa paixón co resto dos quefaceres da súa tenda.

Recoñece que lle gustaría dedicarlle máis horas e así poder ir un paso máis alá e comezar a vender por internet, pois xa ten clientes de distintos puntos de España.

Comentarios