Rumbo a estudar en Canadá

A pontesa Irea Cendán foi unha dos cen alumnos galegos seleccionados pola Fundación Amancio Ortega para cursar primeiro de Bacharelato en América do Norte 
photo_camera Irea Cendán, na biblioteca do IES Castro da UZ. C.ARIAS

Ten 15 anos e todo un reto por diante. A pontesa Irea Cendán acaba de ser unha dos cen alumnos galegos seleccionados este ano para ser becados pola Fundación Amancio Ortega para cursar primeiro de Bacharelato ao outro lado do Atlántico, concretamente en América do Norte. 

"Podía ser EE.UU. ou Canadá. Antes creo que podías elixir, agora é aleatorio e a min tocoume Canadá", explica Irea nun descanso do recreo no IES Castro da Uz das Pontes, onde estuda actualmente. 

¿Será Toronto ou Vancouver, unha gran cidade ou unha vila pequena? "Non sabemos nada de momento. Unha vez que teño que ir para alí dáme igual, pero preferiría algo máis pequeno", di ante un mar de dúbidas, inquedanzas e medos. Só sabe que pasará o próximo curso —dez meses— cunha nova familia ao outro lado do Atlántico e que nese tempo non poderá nin regresar á casa nin recibir visitas alí. 

"Agora mesmo estou emocionadísima pero moi nerviosa. Aínda non o creo de todo e cando penso niso dame algo de medo, pero creo que vai ser unha experiencia incrible para coñecer un montón de xente e dominar o idioma", di unha estudante que xa pasou por un duro proceso de selección. 

"Tes que mandar un montón de documentos e ter unha boa media. Despois fíxose un exame en inglés en Santiago —un primeiro filtro— e as mellores notas pasaron a un oral por Skype con xente da fundación, onde tes que presentar un tema durante tres minutos e despois hai unha entrevista persoal", explica Irea. 

A Fundación Amancio Ortega  beca este ano a un total de 600 persoas dos 1.800 aspirantes que pasaron a primeira proba. E cen deles son galegos, concretamente hai 49 da provincia da Coruña, 38 da de Pontevedra, nove son de Lugo —repartidos entre Lugo capital, Chantada e Sarria— e catro de Ourense

"En marzo hai unha xornada de convivencia en Madrid e aí contarannos máis cousas", di. "É unha experiencia completamente nova. Non sei como é o nivel de estudos alí e é outra lingua, pero vou intentar facelo ben", di unha rapaza, que se non cambia de idea, ve o seu futuro estudando Psicoloxía. 

Comentarios