Rouban uns 2.000 euros da caixa forte do Ceip A Magdalena das Pontes

Os cacos tamén forzaron unha porta nun dos edificios do antigo colexio de Monte Caxado, do que non se levaron nada

Roubo no Ceip A Magdalena das Pontes. MARTA MANCEBO
photo_camera Roubo no Ceip A Magdalena das Pontes. MARTA MANCEBO

Os amigos do alleo sustraeron uns 2.000 euros dunha caixa forte que se atopaba no despacho da dirección do Ceip A Magadalena das Pontes, un inmoble ao que presuntamente accederon tras forzar unha fiestra.

Así o confirmou a diretora do centro, Elena Coira, quen descubriu os desperfectos no mobiliario o martes pola mañá. "Tiveron que entrar na madrugada do luns ao martes. Forzaron unha fiestra e, unha vez no interior, tamén romperon a porta de dirección".

Alí foi onde se fixeron cun botín duns 2.000 euros, que estaban gardados no interior dunha caixa forte. "Non sei se os atoparon de casualidade ou xa sabían onde estaban, porque a caixa forte está oculta detrás dun cadro", relatou a diretora, quen explicou que os cartos eran "un remanente" que tiñan no centro para cando surxira algunha compra ou actividade.

Pero ademais de acceder ao interior de A Magdalena, os cacos tamén forzaron outra porta dun inmoble do antigo colexio de Monte Caxado, do que non se levaron nada.

DENUNCIA. A dirección da Magdalena puxo xa en coñecemento da Garda Civil os feitos. "Xa puxemos a denuncia onte -polo martes-", indicou Coira, quen confirmou que a escola non ten ningunha medida de seguridade.

"Levamos tempo solicitándoas, pero foronse arreglando outras cousas antes", dixo a diretora do centro.

Comentarios