A Romaxe Artesá saca peito como exemplo

A cita coa tradición, que cumpriu este sábado a súa sétima edición na área recreativa da Veiga, en Muras, demostrou que está afianzada e ten tirón. Centos de persoas achegáronse para desfrutar das actividades dun programa para todos
Varios postos de artesanía. MARTA MANCEBO
photo_camera Varios postos de artesanía. MARTA MANCEBO

A Romaxe Artesá da Chaira, que naceu hai apenas sete anos, é un exemplo claro de que dende un municipio pequeno de apenas 600 habitantes e nun ámbito rural tamén se poden facer grandes cousas. A cita coa tradición, que está completamente afianzada e ten moito tirón, sacou peito despois de celebrar onte unha nova e exitosa edición.

Centos de persoas achegáronse a área recreativa da Veiga para desfrutar das múltiples e variadas actividades dun programa elaborado polo Concello de Muras coa colaboración dos Obradoiros Artesáns da Chaira e da Deputación Provincial de Lugo.

Un total de 27 artesáns chegados dende distintos puntos de Galicia, e entre os que estaban, por exemplo, Xaneco Tubío, Marcos Ladra, Fusaiola, Iria Pigueiras, Tito Ledo, Pili Cupeiro ou Xabier Quijada, mostraron os seus produtos e realizaron demostracións en vivo para o público durante todo o día.

Moitos deles levan asistindo á cita dende a primeira edición, sen fallar. "Trátannos de marabilla e a contorna é espectacular", aseguraba Quijada, mentres acompañaba as súas verbas cos golpes na pedra.

Unha visión compartida co tallista en madeira, o vilalbés Marcos Ladra, quen destacou a "alta calidade" da artesanía que se pode ver e mercar en Muras e o "idílico" do lugar no que se celebra esta romaxe.

Cuestións sobre as que tamén puxo o acento a deseñadora cospeitesa de lámpadas Pili Cupeiro, confirmando que a cita "ten moito futuro por diante".

E iso quedou máis que demostrado non só na aposta firme do Concello de Muras por seguir impulsando, ampliando e mellorando a cita, senón tamén no ambiente que se viviu ao longo de toda a xornada, na que ademais acompañou o tempo con sol e moito calor, o que animou ás familias a achegarse a carón do río Eume.

Alí se celebrou o multitudinario concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Pero tamén houbo espazo para os xogos tradicionais da man de Xotramu, que fixo viaxar no tempo aos maiores, que puideron retomar prácticas da infancia e mostrar a súa mestría coa chave ou subidos aos zancos, e abriulle os ollos aos máis pequenos, que coñeceron outras formas de divertirse.

A isto sumáronse os obradoiros de cestería e pezas cerámicas que impartiron Bea Valín e Imavi, respectivamente, a interesante charla de Elena Ferro sobre a dignificación dun oficio, ademais do taller de regueifa de Lupe Blanco.

Durante o mediodía, no que moitos dos asistentes optaron por aproveitar o bo tempo para compartir un xantar campestre con alimentos que levaron da casa ou colleron nos postos de venda que había repartidos pola Veiga, tamén houbo animación musical con Louband.

Na sesión vespertina, Artefeito Producións achegou ata Muras o seu espectáculo Circando, que serviu como aperitivo para os concertos de fin de festa.

Subiron ao escenario da VII Romaxe Artesá da Chaira Caamaño&Ameixeiras, que presentou Aire!, e Luar na Lubre, que puxo a bailar aos presentes cos seus temas de sempre e os do seu último traballo Vieiras e Vieiros, historias de peregrinos.

Comentarios