Roberto Hermida: "Do descoñecemento agroman os mitos, os nosos morcegos son inofensivos"

O biólogo pontés é secretario da asociación Morcegos de Galicia, unha entidade que loita dende hai anos por coñecer a distribución destas especies e garantir a súa conservación
Roberto Hermida_ Morcegos de Galicia
photo_camera Roberto Hermida, de Morcegos de Galicia, na Fraga das Pontes. C.ARIAS

A asociación de estudo e conservación do medio natural Drosera nace nas Pontes en 2004 da man de seis biólogos que pouco a pouco van centrado o seu traballo no estudo dos únicos mamíferos capaces de voar. En 2008 crean Morcegos de Galicia para aglutinar tódalas actividades arredor dos quirópteros e o proxecto acaba devorándoo todo ata que hai uns meses o colectivo adopta ese nome para adicarse 100% aos morcegos. 

Canta xente forma a entidade? 

Somos 14. Pode parecer pouco, pero é un grupo moi formado e comprometido co estudo e a conservación dos morcegos,e sacamos adiante moito traballo.

Están saltando alarmas arredor dos eólicos e o impacto nos morcegos. Hai que tomar medidas? 

Os parques eólicos son hoxe a principal causa de morte non natural dos morcegos no mundo. Como son especies con taxas de reprodución baixas (unha cría por parto, non todos os anos) os efectos dunha mortalidade deste alcance poden ser catastróficos. É preciso contar con bos estudos de impacto ambiental para minimizar riscos e en Galicia estánse a facer os peores estudos de todo o estado español, unha anomalía que desde Morcegos de Galicia vimos de pedir á Xunta que se corrixa.

Promoveron o primeiro Atlas de Morcegos de Galicia e foron descubrindo especies novas. Cantas hai contabilizadas? E no mundo?  

No mundo hai máis de 1.400 descritas. Son o segundo grupo de mamíferos máis diverso. En Galicia incluso pasan ao primeiro posto, cunhas 25. Aínda estamos a confirmar a presenza dalgunhas.

Sempre criticaron a falta de políticas de conservación.  Avanzouse? 

En Galicia nada. Aínda que temos once especies incluídas na categoría de Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas non se redactou plan de conservación, algo ao que obliga a lei de patrimonio natural. E tampouco se están a facer outras accións de conservación desde a administración, accións que nalgúns casos serían moi sinxelas e baratas, como a protección dalgunhas cavidades. Hai colonias de especies ameazadas que se perderon con coñecemento da administración. No que respecta aos morcegos, desde a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia hai unha deixadez absoluta.

Publicou o libro El misterio de Spallanzani, o científico que no século XVIII defendía que se orientaban polo oído. Hai moito que ensinar?

Moito. Para empezar, o seu papel fundamental en moitos ecosistemas. Os nosos morcegos son os grandes reguladores de poboacións de insectos, e inflúen no control de pragas ou na regulación da defoliación por insectos en bosques tropicais, influíndo na saúde do bosque e no número de herbívoros que se alimentan nel. Noutras zonas son os principais dispersores de sementes de árbores froiteiras silvestres, ou polinizan prantas, como o ágave, que só abren as flores durante a noite. A importancia dos morcegos nas dinámicas naturais dos ecosistemas terrestres é enorme.

Foron sinalados co ébola e tamén coa pandemia de covid. Está demostrado que son reservorios?  

Hai unha teima en sinalalos como un grupo que fai de hóspede natural dunha cantidade especialmente elevada de virus, malia que os estudos científicos demostran que non é así. Non son máis propensos que calquera outro grupo de mamíferos a albergar virus. No caso do coronavirus ou o ébola, todo o mundo dá por feito que teñen algo que ver na transmisión aos humanos, a pesar de que en ningún dos dous casos se puido demostrar como foi o salto. O certo é que con calquera especie silvestre hai que ter unhas precaucións sanitarias básicas, sobre todo non manipulalos sen proteción. Máis alá diso, non supoñen ningún perigo.

En 2017 participou nunha expedición a Guinea para estudar a posible relación co ébola. 

Non se sacou nada concluínte. Nalgúns exemplares apareceron trazas xenéticas relacionadas co virus, o que quere dicir que probablemente esa especie vén estando en contacto con él, pero non que sexan os reservorios. Na súa circulación no ‘ciclo da selva’ o virus pode entrar en contacto con moitas especies, deixando un rastro de anticorpos que non aporta moito á hora de identificar o reservorio.

Do descoñecemento, os medos? 

A nivel popular sempre foron, e seguen sendo, uns grandes descoñecidos. E o descoñecemento é terreo aboado para que agromen os mitos que dan lugar a medos sen ningunha base. Os nosos morcegos son inofensivos, como moito causan molestias cando grandes colonias usan construcións humanas como refuxio.

Lugo é unha provinciacon  moitos morcegos? Hai unha cifra? 

Non é posible dar cifras nin aproximadas. Sabemos que hai especies, como o de cova ou o de ferradura mediterráneo, escasas; e outras como o anano, moi comúns. 

Realizan moita divulgación e teñen un campo de traballo nas Insuas do Miño (Rábade). Hai interese? 

Notamos que o interese vai a máis e queremos pensar que o traballo que vimos facendo nos últimos 13 anos ten algo que ver. Os morcegos son un grupo cunha bioloxía fascinante e unha vez que os coñeces queres saber máis. No insuaCamp ofrecemos un espazo de formación único en España, no que cada ano xuntamos xente de diferentes puntos de España e de países veciños. Tivemos xente en prácticas ou que fixo traballos académicos e algúns hoxe traballan profesionalmente con morcegos, polo que dalgún xeito estamos a contribuir para crear emprego. 

Cal é o reto?

Os grandes retos de Morcegos de Galicia son coñecer a distribución de todas as especies presentes na nosa terra e garantir a súa conservación. Estamos aínda lonxe de ambas cousas, pero xa dimos pasos importantes. Botamos en falta poder traballar man a man coa administración; pero contamos co apoio e a complicidade de entidades e de moita xente que sabemos que valoran o noso traballo, e que incluso o aproveitan para o seu traballo profesional, como é o caso de moitos consultores ambientais que teñen o Atlas dos Morcegos de Galicia como referencia.

"Con este traballo un aprende a decubrir que a noite é un momento vibrante, cheo de vida"
Natural das Pontes. Un lugar? 
As fragas do alto Eume, menos coñecidas e moi maltratadas, pero aínda unha marabilla.
Unha afección? 
A lectura.
Un libro para recomendar? 
A grande orquestra animal, un libro sobre a sonoridade da natureza e a relación coa orixe da música.
Un soño por cumprir?    
Volver a ver o Xistral sen aeroxeradores nin pistas.
Traballando cos morcegos, un aprende a vivir de noite? 
Aprende, sobre todo, a descubrir que a noite é un momento vibrante, cheo de vida.
Aínda o sorprenden? 
Si, hai moito aínda que non sabemos sobre eles.
Que é o que máis lle gusta deles? 
A súa delicadeza, a maioría son moi pequenos, fráxiles. O morcego anano só pesa tres gramos!
Algún susto? 
Algunhas especies de gran tamaño impoñen, pero os galegos son todos pequenos. Os maiores sustos que levo e cando chego a algún refuxio coñecido e atopo que o tapiaron ou que se derrubou. 
Reciben chamadas de xente con morcegos na casa. Hai anécdota?
Unhas cantas, a súa presenza en casas é moi habitual. Unha vez unha señora díxonos que puxera ristras de allo para espantalos, e foi verdade, fomos e estaba chea de allos...e de morcegos (ri). 
 

Comentarios