O rexurdir do patrimonio olvidado

Ribeira de Piquín proxecta rehabilitar dúas novas escolas para sumalas ás tres que xa se remodelaron en Navallos, Santalla e Os Baos
Escola de Santalla. A. GONZÁLEZ
photo_camera Escola de Santalla. A. GONZÁLEZ

Acolleron a decenas de nenos hai anos. Foron claves para o día a día dos veciños. Pero os edificios foron quedando en desuso cando chegou a agrupación escolar e os alumnos se foron. O paso do tempo foi deixándoos caer no olvido e quedaron baleiros. Pero os esqueletes de pedra e formigón mantivéronse en pé e agora están recobrando vida

En Ribeira de Piquín xa non quedan escolas, pero os edificios que as acolleron están rexurdindo. O colexio Aníbal Otero, situado no Chao do Pousadoiro, pechou as súas portas ao rematar o curso 2012-2013, e volveron abrir neste 2019 para acoller o ansiado centro de día que soña con compartir espazo cunha futura residencia de maiores no piso superior. 

As escolas unitarias pecharon moito antes, pero tamén están volvendo a abrir as súas portas. Os veciños rehabilitaron hai tempo a dos Baos, que está pendente de inaugurar, e o Concello acaba de finalizar a reforma da de Navallos e a de Santalla.

"O noso obxectivo é rehabilitar unha escola en cada parroquia do concello", di o rexedor de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, que indica que a de San Xurxo será a seguinte, tras o que se fará o mesmo noutra en Santiago de Acevo, onde non está decidido aínda cal será a que rexurdirá. 

"Por unha parte poñemos en valor patrimonio do concello que estaba olvidado e por outra conseguimos locais sociais para os veciños, para que teñan un lugar onde reunirse", explica o rexedor de Ribeira de Piquín, que indica que nas escolas de Navallos e Santalla, que son de dúas plantas, o piso de abaixo, que é un espazo diáfano, dedicarase a local social, mentres o de arriba, a antiga casa do mestre, servirá como vivenda de emerxencia social. 

"Aproveitamos a distribución que xa teñen as casas e así podemos ofrecer viviendas para emerxencia social, para xente sen recursos, cun problema concreto... Non había ningún local habilitado no concello para ningún tipo de emerxencia e cremos que é importante poder dispoñer del", valora Fernández Rico. 

FUTURO. "O proxecto para a escola de San Xurxo de Piquín xa o temos feito e a nosa idea é facer a obra ao longo de 2020", anuncia o alcalde, que explica que a idea do goberno municipal é intentar tramitar axudas para conseguir financiamento. 

Escola de Navallos. A. GONZÁLEZNa escola de Navallos invertíronse 60.000 euros, cunha axuda do 70% do GDR 3. Na de Santalla, as obras fixéronse en dúas actuacións. A Deputación de Lugo sufragou as obras para restaurar o tellado e logo destináronse 40.000 euros ao resto da rehabilitación. En ambas, fixéronse obras no exterior e no interior dos inmobles. 

MUSEO. O caso da escola dos Baos é diferente. A asociación de veciños solicitou unha subvención de 12.000 euros á Xunta para restaurar o inmoble, pero aquí, a maiores de conseguir un local social, tamén se buscaba conservar o espírito da escola, nunha especie de museo parado no tempo. 

"É onde aprendemos a ler e a escribir, nós es nosos pais antes, e é algo importante. Intentamos conservar o que fixeron os veciños con tanto esforzo hai tantos anos", explica Manuel Pardo, o presidente do colectivo veciñal da parorquia dos Baos, que indica que a escola construíuse probablemente e polo que recordan algúns veciños na década de 1920. 

"A escola, agora rehabilitada, serve para local de reunións e de punto de encontro, e para o que necesiten os veciños e lles faiga falta", di Manuel Pardo, que invita a unha viaxe no tempo ao atravesar a porta. "Dentro segue sendo escola. Aínda están os pupitres e hai libros gardados, tamén está a mesa da mestra e mapas antigos", explica o presidente do colectivo, que indica que o piso conservouse na madeira orixinal. "Cambiamos o tellado, os canalóns e pintouse", destaca. 

Comentarios