A retranca política faise viral

A canle de youtube Pachangueiro, de autor anónimo, anima as eleccións en Terra Chá con vídeos de humor e crítica aceda que corren como a pólvora estes días de teléfono en teléfono

Un pantallazo del canal de youtube Pachangueiro. EP
photo_camera Un pantallazo da canle de youtube Pachangueiro. EP

Non quere desvelar quen é. E asegura que todo o que ten que dicir faino a través dos seus vídeos. Pero desde hai días o autor da canle de youtube Pachangueiro está en boca de todos. E a súa retranca política, que arrinca gargalladas e críticas -depende do humor de cada un, sobre todo dos aludidos-, fíxose viral.

En menos dun mes logrou 70 subscritores e multiplicou as visualizaciones dos seus vídeos -xa publicou máis de 60-, que corren como a pólvora de teléfono en teléfono a través de WhatsApp.

"Os vídeos son o que vedes sen máis, humor, retranca e un toque de denuncia nalgún caso, sen máis pretensións. Son consciente de que houbo algún que se fixo un pouco viral na Terra Chá e penso que se foi así é porque plasma realidades por todos coñecidas aderezadas con humor", explica o autor a través dun correo electrónico. Non busca protagonismos.

"A única finalidade é facer rir e o tema preelectoral é moi recorrente xa que é unhas das realidades que nos toca vivir nestes intres. Hai vídeos que poden gustar máis ou menos dependendo de quen os vexa pero a finalidade non é ofender a ninguén, e se así fose a verdade que me causa nula preocupación", explica.

Os seus traballos, clips de poucos segundos que dobran escenas de películas clásicas ou de xente famosa, non deixan a ninguén indiferente e disparan cara a todos.

PIQUEN E VEXAN. Vítor Rei, do BNG, é o novo "influencer" que fai que toda Vilalba se deixe bigote, a Elba (PSOE) os veciños non saben se votala "para consulta ou para receitas" e Modesto Renda, da Vilalba Aberta que fai sesións vermú das que a xente sae a rastro, leva a papeleta por ser "un rapaz moi guapo". "Agustín vén para aquí, que xa che toca", anuncia un vídeo da presentación do candidato do PP, que ten "unha lista renovada pero cos métodos de sempre", como "asfaltar e tapar furados".

Pero a crítica política traspasa as fronteiras de Vilalba, con especial incidencia en Viveiro e en Muras, onde Issam non volverá xamais porque "está tomada por integristas galeguistas", os veciños están "negros como un chamizo" desde que lles pagan a luz porque compraron solariums e as mulleres deben elixir entre Requeijo, "un home familiar e sensible", e Mario, "o macho do Xistral".

O postureo do Resu ou a repetición de grupos do FIV, o caos urbanístico de Vilalba ou a ausencia de semáforos, as críticas a que o albergue estea no polígono e non no centro como en Baamonde ou as orquestras como programa fixo das festas patronais son outras das propostas. Busquen en youtube: Pachangueiro.

Comentarios