Rescatan dun colector de Meira dúas crías de gato tiradas dentro dunha bolsa

Outras dúas xa morreran cando unha veciña as achou  A protectora de Xermade buscaralles un fogar de acollida

Unha veciña de Meira logrou rescatar dunha morte segura a dúas crías de gato que atopou este domingo tiradas nunha bolsa pechada nun colector do barrio da Pena, onde tamén había outros dous xa falecidos.

Cando a muller se achegou a tirar o lixo, ouviu un son procedente do interior e pediu axuda para envorcar o colector. Tras o achado, deu aviso ao 112 e asumiu o coidado dos animais, que roldan a semana de vida, ata que se faga cargo deles a protectora de Xermade, coa que o Concello de Meira ten asinado un convenio de colaboración.

A muller quixo asegurarse de que os gatos non sufrían o mesmo destino que os seus irmáns e por iso acudiu á farmacia para comprar leite en po e alimentounos persoalmente. Ademais, este luns levounos á clínica veterinaria que colabora habitualmente coa protectora xermadesa para que lles realizasen un recoñecemento.

Esta veciña, que prevé presentar unha denuncia para que casos así non se repitan, lamentou a falta de sensibilidade da xente –no interior do colector tamén achou unha galiña morta– polo que considera un exemplo claro de malos "tratos animais".

"Estas son prácticas habituais que se teñen que terminar", asegura esta muller, que se define como "activista" a favor dos animais e reclama unha maior concienciación para previr este tipo de sucesos, aconsellando a esterilización. Ademais aproveita para lamentar o reiterado abandono de animais ou a incorrecta atención que algúns prestan ás súas mascotas e pide aos organismos responsables un maior control, recordando a existencia da Lei de Protección Animal.

ADOPCIÓN. Unha vez que a protectora se faga cargo dos dous gatiños, intentará encontrarlles un fogar de acollida, tal e como fai cos animais que recolle abandonados, moitos dos cales son adoptados por familias doutros países.