A renovación integral da praza de Baamonde incluirá un xardín vertical

A primeira fase do proxecto está a piques de finalizar ► O Concello destina 50.000 euros a obras complementarias
Nuevo aspecto de la Praza de Baamonde. C. PÉREZ
photo_camera Novo aspecto da Praza de Baamonde. C. PÉREZ

O proxecto de renovación integral da Praza de Baamonde, que supón un investimento duns 150.000 euros e que se viu atrasado polo estado de alarma, encamíñase cara á súa última fase, coa adxudicación por parte do Concello de Begonte dun proxecto complementario que inclúe unha importante mellora estética no recinto, coa colocación dun xardín vertical que cubrirá os muros de formigón laterais.

A dotación de elementos verdes complétase coa colocación de varias franxas de céspede artificial no pavimento, tal e como concretou o alcalde begontés, José Ulla, que recorda que este novo investimento súmase ao proxecto orixinal e supón un investimento de ao redor de 50.000 euros.

Dentro desta actuación tamén se inclúe o acondicionamento do formigón que bordea a praza, en mal estado nalgúns puntos, así como a dotación de mobiliario do parque infantil, que como novidade contará cunha tirolina.

O rexedor municipal recordou que a renovación integral da praza, iniciada xa o pasado mes de outubro, responde a unha demanda veciñal e finánciase cunha subvención de 103.000 euros da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.