Reincidentes tocará un acústico no Parga Rock, reprogramado para o 31

O festival, con aforamento para 400 persoas, aprazouse polo covid-19 â?? As entradas, a tres euros, están en varios puntos de venda
Cartel del Parga Rock.PARGA ROCK
photo_camera Cartel do Parga Rock.PARGA ROCK

O grupo andaluz Reincidentes tocará un concerto acústico no Parga Rock, un festival que a pesar da súa mocidade -naceu hai catro anos- busca afianzarse e que, ante a crise sanitaria, aprazouse ao 5 de setembro para reprogramarse para o 31 deste mes.

"A nosa idea é seguir para adiante. Ou festival vai ser na carballeira de Parga, baixo unha carpa e sentados para manter as distancias de seguridade", indica Suso Figueira, un dos promotores, xunto a Arturo Amenedo, Martín Rábade, Noé Enríquez e Verónica Lozano, dunha cita que naceu dunha comisión de festas pero que xa cobrou vida propia.

O festival, no que sobre o escenario tamén estará Nuada, de Teixeiro, arrincará ás 19.00 horas e na carpa haberá cadeiras soas ou agrupadas -dúas, tres ou catro xuntas-, ademais dunha barra.

"Reincidentes é unha boa aposta que ten tirón e están facendo unha xira de concertos en acústico que está ben para estar sentados", indican desde a organización, á vez que resaltan que do cartel anunciado para setembro, no que estaban Dark Embrace, Raze, Gran Reserva, Os Rastreros e Nuada, só repetirá o grupo dos de Teixeiro. "Son de aquí ao lado, están a empezar e hai que apoiar a eses grupos", resaltan.

O Parga Rock, que conta cun orzamento aproximado de 10.000 euros, suma cada vez máis apoios. "As institucións estanse facendo eco e para esta edición tivemos máis axudas que nunca, algo que temos que agradecer", din os organizadores, que nomean ao Concello de Guitiriz, a Deputación de Lugo, Caixa Rural, a comunidade de montes de Parga e a xestoría Miragaya de Parga.

O financiamento, ademais, completarase coa venda de entradas, que desde onte pola tarde xa están en varios establecementos de Teixiero (cervexería Norfolk), Parga (a tenda A Badorna e os bares Viña e Recreo), Guitiriz (Xoldra e Soa), Vilalba (Ferraxería Construfer) e pronto estarán en Baamonde. Teñen un prezo de tres euros e o día do festival realizarase un sorteo de agasallos sorpresa con elas. é obrigatorio, para cumprir co protocolo covid, dar un teléfono e o nome completo dos asistentes.

O programa do festival irá máis aló dos propios concertos e o domingo 1 de novembro proxectarase un documental sobre os 25 anos do rock bravú –un traballo de Anna Diz– e haberá unha foliada cos Pantoxos, ademais dunha exposición sobre todas as edicións do Parga Rock, que se poderá ver ata o 8 de novembro no bar Recreo.

Comentarios