O rei pontés da cana e a mosca

Vicente Pico vén de proclamarse campión galego de veteráns e loitará polo cetro Nacional o vindeiro mes de setembro en Lleida

Vicente Pico, pescador pontés. EP
photo_camera Vicente Pico, pescador pontés. EP

A súa afección pola pesca remóntase á súa infancia, cando "con apenas dez anos" acudía ao río Eume co seu irmán, o seu pai e uns veciños. Esa curiosidade polo río foi en aumento, e agora, o pontés Vicente Pico xa se pode definir como o rei da cana despois de proclamarse campión galego de veteranos. Unha conquista que se suma a outras anteriores.

"Hai máis de 20 anos acudín a uns cursos de pesca a mosca que se impartiron nas Pontes, antes  pescaba con cebo", explica, relatando que este foi o primeiro paso que deu ata o seguinte, cando se iniciou na competición, e xa non houbo quen o detivese.

"En 2012 fun campión de España por equipos, gañei dúas veces o Galego, tres o Provincial...", vai enumerando, nunha lista case infinita de galardóns e premios. Despois de alzarse coa última vitoria só ten a mente posta na súa próxima parada: o campionato de España, onde espera tamén triunfar.

"Será os días 12, 13, 14 e 15 de setembro no río Segres, en Lleida", confirma o pescador pontés, quen adestra sen descanso para situarse sempre entre os mellores. "A pesca é coma calquera outro deporte. Tes que ter unha boa condición física para percorrer o río, senón malo. Tamén hai que ter man para que cando pican as troitas non se marchen", engade, mentres indica que el vai ao río "polo menos dous ou tres días á semana". E ás veces a isto súmanse prácticas ás fins de semana.

O pescador practica dous ou tres días á semana coa cana e vai cambiando de escenarios para preparar os torneos

E onde é o mellor lugar para a pesca? "Eu teño varios que me gustan. O Eume, moito. Pola zona das Pontes pero tamén en Muras. O Navia é moi bonito, o Neira, Sarria...", conta e engade: "E tamén o Eo, que ao ter moitas zonas de pesca sen morte ten bastante poboación".

"Móvome bastante. Se estás en competición é importante ir cambiando de escenario, buscar máis dificultade. Tamén teño ido a León, ao País Vasco ou a Asturias", di este apaixonado do río, que bota en falta maior implicación das novas xeracións.

"Agora é moi difícil que se enganchen, porque esperan chegar e coller troitas. E ás veces non é así", reflexiona Vicente, quen se amosa algo crítico coas administracións, ás que culpabiliza do estado no que se atopan os ríos.

"Antes había carreiros en todos os regachos. Hoxe son selvas, hai zonas totalmente intransitables. E se acaban sendo selvas, as troitas van desaparecer", prognostica, pedindo conciencia e limpeza. "O fácil é vetar aos pescadores, pero así non se soluciona nada", conclúe.

Comentarios