O regreso dos valentes á Serra do Xistral

José Santiago e Sandra Fernández gañan o cuarto Trail das Bestas, que citou a 400 atletas
photo_camera Un momento da proba. CRISTINA ARIAS

Había ganas tras unha longa espera. Moitas ganas. E despois de que literalmente se completase o tope de inscricións en apenas dez minutos, os 400 valentes que conseguiron a súa praza chegaron onte con forza a Muras para recuperar o tempo perdido e volver gozar do Trail das Bestas, que celebrou a súa cuarta edición tras o parón obrigado do ano pasado pola pandemia.

As restricións esixiron variar as saídas, que se fixeron de minuto en minuto en grupos de 15 persoas desde a área recreativa de A Veiga, punto de partida a Serra do Xistral. E o tempo este ano acompañou para gozar das vistas.

Debido á pandemia, as saídas fixéronse de minuto en minuto en grupos de 15

José Santiago, do Os Corzos de Ortegal, fíxose co primeiro posto no maratón, un percorrido de 43 quilómetros que pechou en 4 horas, 31 minutos e 30 segundos. Iván Sangiao, do lucense CD Biosbardo, chegou tan só 18 segundos despois. E o pontés Esteban Díaz, do O Caxado, completou o podio ao parar o cronómetro en 4 horas, 33 minutos e 37 segundos. Outro pontés do seu club, Miguel Vilaboy, quedou no cuarto posto.

Na categoría feminina, Sandra Fernández, do Club de Montaña Xesteiras, con sede en Cuntis, quedou primeira cun tempo de 5 horas, 42 minutos e 9 segundos. Tereza Ctvrtnickova, das Pontes, conseguiu a prata (6 horas, 22 minutos e 15 segundos) e Vanessa Varela, de Tribo Trail, levou o bronce, cun tempo de 6 horas, 54 minutos e 5 segundos.

Houbo percorrido de 43 quilómetros, de 27 e de 14, o que reuniu a máis corredores

Na proba de 27 quilómetros, na categoría masculina gañou Carlos Pernas (Pena Lareira Trail), seguido de Antonio Cadaveira (Traileros Toxos e Birras) e Moisés Romo (Tibi Vertival), cun tempo de 2 horas, 25 minutos e 53 segundos. Na feminina, Beatriz Álvarez (Müller en Forma), que chegou en 2 horas, 56 minutos e 33 segundos, levou o primeiro posto. Completaron o podio Carla Trillo, do club Ría de Foz, e Sara Varela, do Entrecabos.

No percorrido de 14 quilómetros, o que citou a máis participantes, con 122, que saíron xusto antes de comezar a andaina, gañaron Manuel Pais (Tribo Trail) e María José López, do Club Atletismo Vilalba, con 1 horas, 5 minutos e 34 segundos e 1 horas, 32 minutos e 21 segundos, respectivamente.

Comentarios