O servizo de Axuda no Fogar resulta un recurso imprescindible

Presta asistencia nos 13 concellos da zona a máis de 1500 persoas, sobre un 80% na modalidade de dependencia, grazas ao labor dunhas 500 auxiliares
Chus Rivera, auxiliar do SAF de Guitiriz, con Mari de Pito, unha das usuarias deste servizo. C. PÉREZ
photo_camera Chus Rivera, auxiliar do SAF de Guitiriz, con Mari de Pito, unha das usuarias deste servizo. C. PÉREZ

Resulta difícil imaxinar a atención ás persoas maiores e dependentes sen un recurso coma o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha ferramenta imprescindible para manter aos usuarios no seu contorno.

O seu funcionamento require da implicación das administracións, das áreas municipais de servizos sociais, das empresas que se encargan da súa prestación na maioría dos municipios e das auxiliares a domicilio, un posto de traballo con moita demanda onde moitas veces, como constatan os concellos, resulta difícil atopar persoal para desempeñalo. Para paliar esta carencia, hai cursos e ata se puxo en marcha un ciclo no IES Peña Novo de Vilalba, pero segue sen haber suficente persoal.

En total, nos 13 concellos da volta, son unhas 500 persoas as que desenvolven este labor, que pode cinguirse a só unha visita semanal ou requirilas diarias, en función das necesidades do usuario. A maioría delas traballan a través das empresas coas que os gobernos locais externalizan o servizo, pois só Guitiriz e Ribeira de Piquín o manteñen integramente como propio, mentres que As Pontes ou Begonte asumen o SAF básico, pero non o de dependencia.

A Xunta ten asinadas máis de 55.000 horas en 2021 aos municipios da zona e as deputacións axudan con fondos complementarios

A Xunta destina neste 2021 un total de 83,6 millóns de euros a financiar a prestación do SAF de dependencia –a Administración autonómica achega o 70% do coste e o 30% restante asúmeno entre o Concello e os usuarios–a máis de 24.000 galegos, dos que ao redor de 1.2000 son das comarcas de Terra Chá, de Meira e das Pontes.

Así, este ano os 13 municipios da zona teñen asignadas máis de 55.000 horas mensuais de SAF, o que supón un incremento de máis do 70% con respecto a 2012 –son as estatísticas máis antigas da Xunta, que nese exercicio recollen só 15.717 horas e 493 usuarios–.

A esta prestación, que require que os usuarios estean valorados segundo os criterios da Lei de Dependencia e se lles recoñeza o dereito a beneficiarse do servizo, úneselle o SAF de libre concorrencia ou básico, se os respectivos departamentos de servizos sociais consideran preciso prestalo e dispoñen dos medios para facelo.

En total, os usuarios desta modalidade superan os 300 e para que poidan beneficiarse del é básica a achega da Deputación de Lugo, concedida a través do plan único e que vai dos case 8.000 euros de Meira aos máis de 60.000 de Vilalba, rondando os 260.000 euros en total. As Pontes tamén recibe fondos da Deputación da Coruña.

Comentarios