Recuperan unha casa galaicorromana "moi desenvolvida" no castro de Saa

A quinta campaña de escavacións saca á luz unha vivenda que contou cun piso superior
2020070316320870202
photo_camera Traballos no castro de Saa, na parroquia pastoricense de Baltar. C. ARIAS

A quinta campaña no castro de Saa, na parroquia pastoricense de Baltar, chega ao seu fin tras un mes de traballos e logo de recuperar parte dunha vivenda dunha "arquitectura absolutamente desenvolvida da época galaico-romana", tal e como indica o director das escavacións, Emilio Ramil.

A construción, que xa empezou a descubrirse nas escavacións do ano pasado, é unha vivenda de tres estancias -polo menos polo momento, porque aínda non está enteira- e a construción dos muros, de 70 centímetros de ancho, indica que posiblemente houbo un piso superior.

"Estamos nun momento de arquitectura galaico-romana moi desenvolvido", di Emilio Ramil, que viaxa ao pasado polo empedrado exterior da vivenda e entre os muros dun gran patio, que "é como un vestíbulo"  e que comunica con outras dúas estancias.

A ocupación do xacemento durou 500 anos

Unha das dúas habitacións, debuxa o arqueólogo entre os achados mentres camiña á dereita, era unha "zona doméstica de cociña e produción de alimentos", onde se situaba "unha lareira" no lugar no que a día de hoxe aínda se albiscan restos de tella romana delimitados por unhas pedras.

"Nesta habitación apareceu moitísimo material e está parcialmente escavada", di Ramil, satisfeito cos traballos nun castro que "sempre dá sorpresas" e no que xa descubriron unha canle de desaugadoiro, pasos de escaleira na muralla ou construcións que confirman que o xacemento ten uns 2.000 anos e unha ocupación que se prolongou uns 500.

A maiores das escavacións na vivenda, encostada á zona amurallada, á beira do acceso á croa, tamén realizaron traballos para seguir descubrindo a muralla e tarefas de consolidación e limpeza en todas as zonas escavadas. "O obxectivo é seguir coa muralla, con esta vivenda e con outras, da época ou anteriores", indica Ramil, que explica que agora se fará unha recreación virtual do castro, a pesar de que queda moita superficie por escavar.

O rexedor da Pastoriza, Primitivo Iglesias, mostrou a súa intención de seguir apostando polas escavacións no castro que, ata o momento, financia integramente o Concello cuns 15.000 euros por campaña.

Achados para o CIN de Bretoña 
Ao longo das cinco campañas de escavacións no castro apareceron numerosos restos ou fragmentos de materiais, que o Concello pretende gardar no centro de interpretación (CIN) de Bretoña, onde tamén se exporán algúns.

MEDIA DUCIA DE MUÍÑOS. Nesta última escavación, unha das pezas máis destacadas foron os muíños. Apareceron restos de catro na zona da lareira e outros no patio. En total, suman seis ou sete.

COITELOS OU COLARES. Estes últimos traballos tamén sacaron á luz dous restos de coitelos, unha agulla de bronce, dúas contas de pasta vítrea con dourado, relacionados cun colar, e unha chea de cerámica.

UN VIDRO. Outro dos destacados foi un fragmento dun vidro "relacionado con algo de perfumaría". "É material importado, non é propio do castro", di Ramil.

Comentarios