Recunchos a descubrir

Área Recreativa da Retorta: Un recóndito paraíso verde a carón do Eo

O verxel ribeirego ofrece unha zona acondicionada para o baño, unha cabana, grellas e ducias de mesas para compartir merendas na natureza
Área recreativa da Retorta, en Ribeira de Piquín. MARTA MANCEBO
photo_camera Área recreativa da Retorta, en Ribeira de Piquín. MARTA MANCEBO
WhatsApp Image 2021-07-28 at 11.22.51O lugar
Pasando a ponte sobre o río Eo no Chao do Pousadoiro hai que coller en dirección A Pontenova e percorrer ao redor de tres quilómetros pola LU-P-4802. O desvío queda a man esquerda.
Coidado co GPS
Os que adoiten fiarse das novas tecnoloxías, moito ollo, neste caso o Google Maps non é certeiro nas súas indicacións.
Ruta de sendeirismo
A área recreativa é unha das paradas obrigadas da PR-G 209 Ruta río Eo-Pena Millares, que parte da capitalidade municipal e chega ata Barcia.

Achegarse a Ribeira de Piquín é sempre un pracer. A súa paisaxe envolvente, esa natureza tan pura e virxe acompañada polo murmurio do río invita a conectar cun mesmo e tamén coa contorna.

WhatsApp Image 2021-07-28 at 11.23.13Hai infinidade de recunchos e lugares nos que desfrutar de paraxes inigualables, e un deles é sen dúbida a área recreativa da Retorta, un recóndito paraíso verde a carón dese Eo que baña todo de vida.

O acceso por unha pista na que hai que percorrer uns 300 metros dende a LU-P-4802 non é o máis sinxelo do mundo. Pero pódese chegar a pé e tamén en coche.

Ese camiño entre pedras leva ao visitante a adentrarse nun bosque autóctono dunha intensidade verde que asombra e que permite encher os pulmóns case sen inhalar.

WhatsApp Image 2021-07-28 at 11.23.44A carón do río hai unha pequena zona acondicionada para o baño, moi preto dunha ponte colgante que leva anos inutilizada, pero pola que pasaron seguro centos de pescadores, xa que neste punto localízase o couto de Ribeira de Piquín e Vilarmide.

A oferta deste verxel ribeirego, descoñecido para moitos, complétase cunha fermosa cabana, grellas e ducias de mesas de pedra para compartir merendas na natureza.

Comentarios