Recollida de firmas contra o plan para suprimir os pasos a nivel en Parga

Os veciños oponse ao proxecto de Adif e iniciaron unha campaña en Change.org que apenas unhas horas xa sumou 500 apoios

Paso a nivel en Parga.AEP
photo_camera Paso a nivel en Parga.AEP

GUITIRIZ. Un veciño de Parga iniciaba este luns unha recollida de firmas virtual na plataforma Change.org en contra do proxecto presentado por Adif para suprimir os tres pasos a nivel da localidade. A iniciativa popular logrou en só unhas horas sumar máis de 500 apoios.

A petición manterase aberta ata que se fixe a data da reunión que Adif anunciaba hai uns días que prevé manter cos afectados para explicarlles o seu proxecto, incluído nun plan a nivel estatal que contempla a eliminación de ao redor de 4.000 en toda España.

A idea dos veciños, que mostraron en reiteradas ocasións a súa oposición aos plans de Adif por considerar que dividen en dous o pobo, é usar as firmas nesta reunión para reforzar a súa postura. Tamén prevén dirixilas, tal e como recolle a petición en Change, ao Ministerio de Fomento e ao Concello de Guitiriz, ademais da Adif.

O último proxecto remitido ao Concello guitiricense contempla a conservación da vía como está, valando os seus arredores e construíndo un túnel subterráneo para o paso de vehículos na zona onde está o principal paso a nivel e dous pasos elevados para os peóns nos extremos do centro urbano.

Esta proposta debateuse en reunións veciñais promovidas polo PP e o BNG, na que os veciños deixaron clara a súa rotunda oposición á mesma. O tema abordouse tamén en pleno a través dunha moción dos nacionalistas, secundada polos cinco grupos políticos da corporación, que rexeitaron así o proxecto e defenderon ademais a opción de que se desvíe a vía por fóra do pobo, que é a idea que levan anos defendendo os veciños.

O texto explicativo da recollida de firmas virtual recorda que esta non é a primeira vez que Adif presenta un plan de supresión: «Xa houbo proxectos similares e algún aínda máis ambicioso, pero non deixa de ser unha maneira máis de dividir Parga en dúas metades coma todas as propostas anteriores», di, reiterando a oposición veciñal a esta posibilidade.

Aluden ao prexudicial que sería esta decisión, «dende o punto de vista urbanístico, máis tamén no social», ao considerar que crearía «unha Parga de Arriba e unha Parga de Abaixo», ademais de ter consecuencias imprevisibles nun dos principais recursos da vila, as súas dúas feiras mensuais.

«Parga xa nunca máis sería a mesma que coñecemos», incide a petición, na que se recorda que os veciños conviven coa vía e o paso de trens desde 1875, «co progreso e a prosperidade que trouxo non seu momento e que fixo medrar a nosa vila, mais tamén coas molestias, atrancos, accidentes e mortes que se produciron ao seu carón».

Comentarios