Rebentan a cristaleira dun céntrico bar vilalbés e levan os cartos da máquina

O suceso ocorreu na madrugada do martes para o mércores, arredor das seis da mañá, tal e como explicou o responsable do local Pafe, ubicado na rúa Conde Pallares

Oco polo que accederon. C.ARIAS
photo_camera Oco polo que accederon. C.ARIAS

Rebentan a cristaleira dun céntrico bar de Vilalba de madrugada para acceder ao local e roubar o diñeiro que había na máquina comecartos, que apareceu destrozada.

O suceso ocorreu na madrugada do martes para o mércores, arredor das seis da mañá, tal e como explicou o responsable do bar Pafe, ubicado na rúa Conde Pallares. "Mi padre, que vive arriba, escuchó los golpes y bajó rápido, pero ya no había nadie, no vio nada, aparte del cristal roto y la tragaperras reventada", explica o dono do bar, que interpuxo onte a primeira hora unha denuncia na Garda Civil de Vilalba.

O local ten alarma e fotodetectores, pero ningún dos sistemas de seguridade saltou nin gravou nada, polo que non teñen constancia de cantas persoas participaron no suceso. "No sabemos si los desconectaron o qué pasó porque es muy raro", di o hostaleiro, coa impotencia de non poder facer nada ante este tipo de sucesos.

Non é a primeira vez que sofre un roubo, xa que hai aproximadamente un ano xa viviu algo parecido. "La otra vez entraron por la parte de atrás", indica, mentres engade: "El seguro cubre el cristal -que xa cambiou unha empresa da localidade onte ao mediodía-, pero no la máquina", indica o responsable do bar vilalbés, que pese a non ter moitas pistas si ten as súas propias sospeitas.

"Estuvieron un par de chavales por la mañana que me parecieron un poco sospechosos pero tampoco le di más importancia en el momento. La tragaperras paga con monedas de euro y billetes y desde que se fueron solo pagaba con monedas de 20 céntimos", di o empresario, que baralla a posibilidade de que trucaran a máquina pola mañá para conseguir máis cartos ao longo do día se xa tiñan o plan de ir de madrugada.

Non fixeron máis destrozos no interior do local nin roubaron nada máis. E a Garda Civil iniciou unha investigación para aclarar os feitos.

Comentarios