Raúl Mirás: "Queremos situar As Pontes no panorama nacional da música clásica"

O violoncellista Raúl Mirás iniciou a súa formación musical no conservatorio das Pontes, unha entidade que se implicou de cheo, xunto ao Concello, na organización do Festival Son As Pontes, que durante esta semana encherá de melodías clásicas as rúas da vila

Raúl Mirás. GUILLERMO ZULUETA
photo_camera Raúl Mirás. GUILLERMO ZULUETA

Como xorde Son As Pontes?

A través do meu vínculo coa vila e co seu conservatorio, onde estudei durante dez anos.

Como foi a primeira edición?

Comezar un proxecto sempre é difícil, pero estamos máis que satisfeitos da primeira edición. A resposta, tanto do alumnado coma do público, foi estupenda e só podemos desexar seguir nesta liña, medrando pouco a pouco e situando As Pontes no panorama nacional da música clásica.

Que novidades presenta?

O formato é moi similar ao que plantexamos ao ano pasado: un ciclo de concertos de música de cámara e clases maxistrais impartidas polos artistas convidados. O punto forte que nos diferencia doutros festivais é a idea de que o tándem profesor-alumno non se quede só na aula e que esta formación académica tamén se leve ao escenario.

Quen conformará o elenco?

Contaremos con Elena Rey e Pedro Rodríguez (violín), Inés Picado e Diego Segade (viola), Antonio Cienfuegos (contrabaixo), Alicia Permuy (piano), Mateo Arnáiz (guitarra) e membros do Zoar Ensemble coma David Villa (oboe), Antonio Suárez (clarinete), Álex Salgueiro (fagot) e Benxa Iglesias (trompa). Eu mesmo estarei tamén como violonchelista.

Haberá músicos locais?

Varios dos artistas son galegos ou manteñen unha relación con Galicia moi estreita. Tamén contamos con artistas de fóra, pero debemos estar moi orgullosos do excelente nivel musical que hai en Galicia e tamén nas Pontes. Haberá algunha sorpresa, o conservatorio pode presumir de ter músicos en primeira liña profesional que estarán con nós estes días.

Onde serán os concertos?

O planning de concertos pódese consultar xa no noso Facebook ou a través da web. Casa Dopeso, Igrexa de Santa María e a propia Praza da Igrexa serán os escenarios deste concertos.

E as clases?

O conservatorio das Pontes, para o que só temos palabras de agradecemento e que dende o primeiro momento abriu as súas portas para recibirnos, será a sede principal do festival e o lugar onde se realizan as clases que serán impartidas polos nosos artistas. As portas están abertas para calquera persoa que desexe coñecernos. 

Que lle diría ao público para que se sumase ao festival?

O público desfrutará dun elenco de luxo e de excelente nivel e duns programas moi coñecidos pero ao mesmo tempo pouco habituais polas formacións que propoñen. A mistura de todos os instrumentos que participan no festival permítenos acceder a obras que non son tan fáciles de programar, como os Quintetos con Guitarra de Boccherini, as obras ensemble de ventos madeira de Strauss, Beethoven ou Mozart ou o Octeto de Schubert.

Elixiu As Pontes porque foi onde iniciou a súa formación.

As Pontes ten unha importancia enorme na miña formación, tanto profesional como persoal. Son moitos momentos e o tempo pasado aquí e non podo máis que recordar cousas boas. Recordo os distintos edificios que foron sede do conservatorio e que se encheron de música e historias para todos os alumnos, moitas audicións na Casa Dopeso, un claustro de profesores moi implicado e axudando sempre e que me deron a formación que me permitiu chegar hoxe a onde estou, compañeiros, grupos de cámara, orquestra... Voltar a As Pontes éncheme a cabeza de recordos e é unha maneira de devolver todo o que esta vila me deu.

Elsa Pidre, Estefanía Beceiro, Efrén ou Tania Ramos. Son moitos os ponteses referentes na música clásica. Como se consegue isto?

Sen dúbida a proposta seria e ben dirixida dende o conservatorio, o traballo de todos e cada un dos profesores, non só de instrumento, se non de todas as especialidades que marcan a educación musical para toda unha carreira. Cando se xunta un grupo humano con vocación e entusiasmo, e por suposto cun apoio institucional como o do Concello das Pontes, os resultados e o talento saen á luz.

Desenvolveu a súa carreira por varios lugares e dende hai un ano traballa na Sinfónica de Tenerife.

Síntome moi afortunado por toda a miña traxectoria. Tiven a sorte de que, grazas á música, puiden coñecer e formarme por toda Europa. Tamén tiven a oportunidade de comezar a miña actividade docente nun centro de referencia como o Conservatorio Superior de Aragón e de traballar con orquestras de primeiro nivel nacional e europeo. Agora, esta nova etapa como violonchelo solista da Sinfónica de Tenerife é unha nova meta da que estou moi orgulloso. A experiencia e a acollida están sendo magníficas e só teño palabras de agradecemento.

Comentarios