Ratiño Pérez: "Cada dente que recollo colócoo debaixo dunha árbore ou dunha flor"

É pequeniño, aventureiro e o encargado dende non se sabe cando de recoller os dentes de leite dos nenos e das nenas cando lles caen e intercambialos por regalos. O Ratiño Pérez, un veciño máis de Vilalba dende hai xa un tempiño, quixo agradecer as moitas mostras de cariño recibidas e pensou que a mellor maneira de facelo era publicar un libro no que recolle instantes da súa vida e familia. A obra preséntase este venres 6, ás 19.00 horas nos xardíns do Parador, coa colaboración do Concello de Vilalba e dunha amiga moi especial. Antes, o Ratiño Pérez prestouse a falar un pouco da obra homónima, do seu traballo e da súa vida na capital chairega.
O Ratiño Pérez. EP
photo_camera O Ratiño Pérez. EP

Como xorde a idea de publicar este libro?

Como non sabía como corresponder a tanto agarimo, ocorréuseme escribir este libro para que as amigas e os amigos saiban máis cousas da miña vida.

Que vai atopar nel o lector?

O que vai atopar o lector neste libro van ser moitas ilustracións da miña vida e da miña familia, todas elas enfocadas a valores humanos, xa que moitos deles se están a perder...

Que foi o que máis lle custou á hora de elaboralo?

Detrás de todo isto hai moitas horas de traballo, como facer os patróns da roupa, os accesorios e, sobre todo, os decorados para as escenas. A pesar de todo, creo que mereceu a pena.

Moita xente se ten preguntado onde viviría o Ratiño Pérez, como foi que se asentou en Vilalba?

Todo comeza unha tarde do mes de agosto, cando me dispoñía a ir pasear polo Rañego... Descubrín por casualidade este castiñeiro centenario que é onde vivo agora coa miña familia. O contorno non pode ser máis fermoso e máis tranquilo...

Como non sabía como corresponder a tanto agarimo, pensei en escribir este libro para que saiban máis da miña vida

Que tal o acolleron os veciños?

A verdade é que nunca me podería imaxinar a acollida que me deron todos, dende os máis pequenos ata os non tan nenos... Eu encantadísimo con tanto afecto. Ao día recibo moitas visitas na miña casa da árbore, regalos e tamén moitas cartas que, por certo, están todas a bo recaudo.

De todos eses agasallos e cartas que adoitan deixarlle, hai algunha que recorde especialmente? 

Recordo con moito cariño unha nena que se chama Antía que me deixou unha carta e unha bañeira branca. Poñía que me deixaba a bañeira para que me relaxase...como traballaba tanto... De feito, fíxome tanta ilusión que nunha escena do libro saio na bañeira todo relaxadiño (risas). Todas as cartas que me deixan son moi emotivas...

Como fai para deixar os regaliños debaixo da almofada sen que ninguén se entere?

Iso é unha tarefa moi difícil. Procuro ir cando os nenos durmen, así non os molesto. Aínda que me gustaría moito poder coñecelos a todos.

Teño uns bigotes moi sensibles á vibración que producen os dentes frouxos dos nenos. É un dos meus superpoderes

Adoita ter moi pouco tempo para buscar un regalo dende que a un neno lle cae un dente, como o resolve? Por iso deixa cartos? Non lle dá tempo a ir mercar un agasallo?

Sempre deixo unha moeda ou un pequeno regalo. Algúns nenos pídenme agasallos moi grandes e iso para min é case imposible, posto que son moi pequeniño e como hai moitos nenos aos que lles caen os dentes ao día, non podería cargar con todos. É por iso que case sempre deixo algunha moeda.

Como se entera de cando lle caeu un dente a un neno?

Eu teño uns bigotes moi sensibles ás vibracións que producen os dentes frouxos dos nenos. É un dos meus superpoderes...

Como foi que empezou a intercambiar regalos por dentes, é unha tradición familiar? Hai unha longa estirpe de Pérez?

A tradición de facer un agasallo por cada dente que cae xa vén de moi lonxe no tempo. Na época dos romanos, os meus antepasados xa deixaban un denario debaixo da cama dos nenos.

E que fai con tantos dentes?

Cada dente que recollo de cada neno colócoo debaixo dunha árbore ou dunha flor. Por iso cando vexades unha flor fermosa ou unha árbore, pensade que debaixo poden estar os vosos dentes...

De preto: "Unha vez que me caeu un dente tiven deregalo unha moeda de 5 pesetas e unha bolsa de pipas"
Que adoita facer no tempo libre?
O que máis me gusta é ler, pasear polo río co meu cadeliño Jeremías, axudar ao meu papá Antón a facer postres, xogar coa miña irmá Carmela e co meu amigo Matías no parque, andar en bicicleta, xogar ao axedrez, pintar, escoitar música...
Cal é o seu recuncho favorito de Vilalba?
A torre do Parador. Alí, dende o alto, podo ver toda a vila. Tamén me gusta moito o paseo ao longo da Magdalena ata o Rañego.
Que lectura recomendaría?
Rata linda de Compostela, de Bernardino Graña.
Hai algunha canción que lle guste especialmente escoitar?
Susanita tiene un ratón... Un ratón chiquitín...
É moi activo nas redes sociais. Poderiase dicir que é un influencer?
Son un ratiño que mestura a modernidade e o xeito da vida tradicional . Ámbalas dúas maneiras de ollar o mundo deben convivir... Hai que coller o mellor de cada unha delas.
E cando lle caeron a vostede os dentes... tivo regalos?
Lémbrome que unha das veces que me caeu un dente tiven de regalo unha moeda de cinco pesetas e unha bolsa de pipas.

Comentarios