Puntadas con moita arte

Manuela Corral Castro escolleu o Madia Leva de Baamonde para facer a súa primeira exposición, na que amosa unha colección de 17 bordados entre os que predominan as flores

Manuela Corral expón os seus bordados no Madia Leva de Baamonde. JAMY CORRAL
photo_camera Manuela Corral expón os seus bordados no Madia Leva de Baamonde. JAMY CORRAL

Manuela Corral Castro descubriu o mundo do bordado de pequena e dende aquela nunca deixou de dar puntadas para crear obras de arte coas que agasalla á familia —"todos teñen algo meu, non deixei a ninguén"—  e aos amigos. Agora, xa xubilada, protagoniza a súa primeira exposición no Madia Leva de Baamonde, na que ofrece unha escolma de 17 traballos que poden verse ao longo deste mes.

A elección do lugar non foi casualidade, porque aínda que lle propuxeron ir a Lugo, ela tiña claro que onde lle apetecía facelo era "na cafetería dos meus sobriños". E é que Manuela é unha expoñente máis desa longa lista de artistas que son os irmáns Corral Castro de Baamonde.

"A primeira vez que bordei eu creo que tiña dez anos, xa me gustaba porque lle gustaba a miña nai e un día pedinlle unha tea para bordar eu", lembra Manuela sobre aquelas primeiras puntadas, que foi perfeccionando "nos ratos libres" en Barcelona, a onde marchou con 14 anos seguindo a estela de seus irmáns, e dende que volveu para Baamonde en 1982, mesmo nos seis anos que estivo á fronte do albergue de peregrinos da localidade. 

Agora aínda dispón de máis tempo para "pasear e bordar", algo necesario porque "non sabes as horas que botas, hai que ter moita paciencia". E é que só para facer un cadro coma os da mostra, "dedicándolle tres horas diarias, fan falta uns 20 días, 30 para os máis grandes, e dá traballo, porque tes que estar sempre coa vista fixa", precisa.

Xogos de cama, tapetes ou cestas son algunhas das pezas que decora, e tamén fixo manteis para a igrexa de Baamonde ou para as capelas da familia e distintas creacións coas que obsequiou a irmáns, a fillos e a netos, coma por exemplo un Bambi incluído na exposición.

 "Xa mos piden", asegura Manuela, que aposta pola técnica do matizado con bastidor e a policromía para crear as súas precisas obras de arte, nas que predominan as flores ou as mariposas, a principal temática dunha mostra que está a ter unha gran aceptación. "A xente dime que lle gusta, que é moi bonito", di, sorprendida porque ata recibiu chamadas de peregrinos de Madrid ou do País Vasco para felicitala.

Comentarios