miércoles. 01.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 01.04.2020
El tiempo

O proxecto para mellorar a Etap de Guitiriz terá un custo de 385.000 euros

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, no seu despacho. AEP
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, no seu despacho. AEP
O Concello busca fondos para poñer fin aos problemas coa auga. A rexedora iniciou as reunións con Augas de Galicia

O Concello de Guitiriz xa ten o proxecto para a reforma e modernización da Estación de Tratamento de Auga Potable (Etap), unha actuación cuxo custo cuantifica en 384.938,75 euros e a través da que pretende poñer fin aos recorrentes problemas coa auga da traída municipal no centro urbano.

"As obras de modernización da Etap deben comezar canto antes", urxiu a rexedora de Guitiriz, Marisol Morandeira, que iniciou a rolda de reunións para buscar financiamento coa que poder acometer este proxecto e fíxoo coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.

"A nosa idea é conseguir financiamento por parte da Xunta de Galicia, pero tamén a nivel estatal e provincial", indicou a alcaldesa de Guitiriz, que recordou que o goberno local, pola súa banda, tamén reservou crédito nos orzamentos municipais deste ano para esta actuación.

"Esperamos que non se demoren moito no tempo en tomar unha decisión porque as obras na Etap deben comezar canto antes", asegurou a alcaldesa, que espera que as actuacións se inicien este ano e que tras a reunión coa directora do ente autonómico mostrouse "satisfeita".

O orzamento do proxecto, que inicialmente se calculaba que roldaría os 200.000 euros, elevouse ata case os 385.000

A responsable de Augas de Galicia comprometeuse coa rexedora a trasladarlle a proposta do goberno guitiricense á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, así como a conseguir "o apoio económico doutras administracións o antes posible" para confinanciar unha actuación "moi necesaria e moi importante para os veciños de Guitiriz", destacou Marisol Morandeira.

A OBRA. O orzamento do proxecto, que inicialmente se calculaba que roldaría os 200.000 euros, elevouse ata case os 385.000 euros porque agora abarca unha modernización integral da infraestrutura e a modernización de todos os sistemas.

"Vanse quitar os filtros que había e cambiar os controis manuais por outros automáticos. Vaise facer unha reforma moito máis completa, para que sexa unha instalación o máis moderna posible e que teña un funcionamento máis automatizado", apuntou a rexedora.

A actual Etap, unha instalación obsoleta construída en 1988, dá servizo a todas as vivendas e negocios do núcleo urbano de Guitiriz e ás empresas situadas no polígono industrial. No concello só hai outra planta de tratamento, en Parga.

O proxecto para mellorar a Etap de Guitiriz terá un custo de...
Comentarios