O programa de verán Lecer Cultural de Vilalba ofrece talleres, música e lectura

As actividades culturais están destinadas maioritariamente ao público máis novo

Praza da Constitución de Vilalba. EP
photo_camera Praza dá Constitución de Vilalba. EP

O Concello de Vilalba promove durante os meses de xullo e agosto unha serie de actividades para todas as idades, pero especialmente para os máis pequenos, dentro do programa Lecer Cultural, que contará con talleres, lectura e música.

"A infancia de Vilalba poderá gozar dunha programación divertida este verán pero sen esquecer o lado didáctico con actividades que mesturan o lecer coa aprendizaxe", indica Antía Rama, concelleira de educación, infancia e mocidade.

No caso dos talleres, os prezos oscilarán entre os dous e os seis euros e serán de distintas duracións. Así, haberaos extensivos, desde mediados de xullo a finais de agosto, como teatro (a partir de oito anos e sen límite de idade) e manualidades (de cinco a doce anos); intensivos, como o de fotografía, previsto do 11 ao 13 de agosto pola mañá; e puntuais, como un obradoiro de monicreques de cartón o 9 de xullo e outro de astronáutica o 23, ambos pola tarde.

No apartado de lectura, haberá tres eventos no marco do programa Ler Conta Moito e en colaboración coa biblioteca municipal. Todas elas serán gratuítas ata completar o aforamento. Mañá será o primeiro, ás 17.30 horas na Praza da Constitución, co espectáculo de narración oral Outra vez!, a cargo de Vero Rilo.

O espectáculo familiar Rockeamos todas con Pakolas será o 17 de xullo, tamén na Praza da Constitución. Recomendado para nenos de entre tres e dez anos, conta con protagonistas femininas que darán a coñecer historias de superación da desigualdade, a loita polo respecto e a liberdade.

Para bebés de cero a tres anos ofrecerase Barquiño de pau, un teatro de obxectos e música que chegará á área recreativa da Magdalena o 30 de xullo ás 17.30 horas.

Para completar o programa Lecer Cultural, están fixados para todos os venres, a partir das 21.00 horas, unha animación musical polas rúas da capital chairega a cargo de varios grupos. Buxos Verdes actuará o 9 de xullo, a Charanga de Vilalba, o 16; Entre Lusco e Fusco, o 23, e Axóuxere de Roupar -dentro do Musiqueando da Deputación de Lugo-, o 30. En agosto, o 6 será a quenda da Banda de Gaitas Mato Vizoso e o 13, o da AC Andrade. Ademais, o Día de Galicia, 25 de xullo, a banda de música de Vilalba ofrecerá un concerto na Praza da Constitución ás 13.00 horas.

A oferta complétase a xornada do 10 de xullo con actividades fluviais propostas pola Deputación na Magdalena.

Comentarios