Os primeiros envíos de grelos de venda online xa saíron de Abadín

Os pedidos, que suman uns 60 quilogramos de produto, realizáronse dende distintos puntos de España a través da nova plataforma Expogrelo.com
photo_camera As caixas, listas para enviar. EP

A venda online de grelos de Abadín é xa unha realidade. Esta semana saíron dende Gontán ao redor de 60 quilogramos deste arelado produto de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) con rumbo a distintos puntos do país.

Unha parte destes primeiros envíos respondían a pedidos de proximidade, feitos dende Outeiro de Rei, Burela, Cervo, Lugo ou Cedeira. Pero o grelo de Abadín tamén percorrerá os ao redor de 500 quilómetros que separan esta localidade chairega de Bilbao, ou cruzará toda a Península nunha viaxe de 1.000 quilómetros para formar parte dalgún menú en Málaga.

Os compradores fixeron a súa adquisición a través da nova plantaforma Expogrelo.com, posta en marcha polo Concello de Abadín, en colaboración cos produtores, para darlle saía ao grelo desta tempada, ante a imposibilidade de celebrar a tradicional feira e tamén fronte as restricións tanto de mobilidade como na hostelería.

Un total de 14 produtores do municipio déronse de alta inicialmente na plataforma, na que se espera que se vaian incorporando máis, posto que aínda que a iniciativa xurdiu a raíz da pandemia, o Concello quere mantela no tempo e ir incorporando novas ofertas e servizos.

Polo momento, botou a andar en días pasados centrada na venda de grelos, que se comercializan ao prezo único de dous euros a mada, cartos que se lle ingresan xa ao greleiro.

Baixo a máxima de que se envían directamente dende a horta á casa do comprador, este pode seleccionar ao produtor ao que lle quere adquirir os grelos e na propia web xa se indica se este dispón ou non de existencias. Unha vez tramitado o pedido, o produtor encárgase de facer chegar as madas ás naves municipais do campo da feira de Gontán, dende onde o Concello centralizou os envíos para facilitar esta tarefa.

O alcalde de Abadín, José María López Rancaño, precisou que polo momento é a Administración local a que está a asumir os custos da embalaxe (buscouse un empaquetado que resultase identificativo e atractivo, ao tempo que axudase a conservar as propiedades dun produto delicado) e dos envíos, para o que contratou unha empresa de transportes que se encarga do reparto.

Comentarios