Primeiro parón dos Milagres

Milleiros de fieis camiñaban durante o mes de maio, e incluso durante todo o verán, cara ao santuario de Saavedra para venerar a Virxe dos Milagres. Este será o primeiro ano no que o día propio, o 24, non haberá misas, aínda que o templo si permanecerá aberto
A tradición de colocar os cirios é unha das máis arraigadas en Saavedra. ARQUIVO
photo_camera A tradición de colocar os cirios é unha das máis arraigadas en Saavedra. ARQUIVO

A AUSENCIA de infinitas ringleiras de fieis camiñando cara a unha meta común, das intensas xornadas de misas, voltas á igrexa e imposicións da Virxe, e da emoción que se palpaba en cada devoto que acadaba o seu obxectivo ao chegar ao santuario de Saavedra, marcará este domingo o día dos Milagres. Un 24 de maio que non terá misas, o primeiro que se recorda así e que supón todo un parón para unha romaría en auxe.

Ninguén sabe cando botaron a andar as peregrinacións, nin que data terá o templo —apenas hai documentos nos que se recolla a existencia deste santuario—, pero ao falar do xerme que puido orixinar tan fervente veneración todos recorren a tres lendas: a do señor de Vilaguisada, a do incendio na casa do Pozo e a dos franceses.

Un dos relatos di que o señor de Vilaguisada fora acusado inxustamente de matar un home e a súa inocencia quedou demostrada cando, ao acceder ao templo para pedirlle á Virxe que intercedera por el, as esposas caeron ao chan. Outros falan do lume que prendeu no palleiro cando na casa do Pozo estaban mallando e, para intentar frear as lapas que ameazaban con queimalo todo, o dono foi pola imaxe da santa, que fixo que o incendio parara. Ou os franceses que viñan invadir estas terras, aos que lles foi imposible meter os seus cabalos na igrexa, quizais nun acto da Virxe por protexer aos veciños desta parroquia begontesa.

Non se sabe cando se iniciaron as peregrinacións ou a data do santuario, pero todos falan de tres lendas que puideron ser a orixe

Sexa como fora, do que non se dubida é do poder de convocatoria que ten a romaxe, unha das máis populares da provincia. "O que me chama a atención é a cantidade de xente que vén", di Ángel Vigo, o párroco que dende hai uns 20 anos se encarga da parroquia e que aínda non se acostumou a que "cada vez haxa máis fieis". Agora, pasa unha tempada diferente, lonxe dos días maratonianos da novena e do propio 24 de maio, no que se sucedían misas dende as sete da mañá ata o remate do día. "Acababa cansado e iso que tiña a outros sacerdotes que me axudaban", asegura don Ángel, ao tempo que recoñece que lamenta a falta dos Milagres a causa do coronavirus. "Sénteste orfo, abatido", di.

Sensación similar á que reinará entre os miles de romeiros que peregrinaban ata Saavedra, non só o 24, senón todo o verán, moitos andando e outros en coche, pero de tódolos puntos. "De Vilalba e Lugo era toda unha cadea de xente, e logo viñan moitos das Pontes, Mondoñedo, Ferrol...", afirma o párroco, quen lembra que a igrexa permanecerá aberta tanto o sábado como o domingo durante todo o día. Iso si, con tódalas medidas de seguridade e hixiene a punto. "Xa baleirei hai uns días a pía da auga e temos xel en tódolos sitios", apunta don Ángel.

A decisión de suprimir as cerimonias litúrxicas en lugares nos que se agardaba unha grande afluencia de xente, como é o caso dos Milagres ou na Virxe de Fátima de Bravos (Ourol), responde á necesidade de "manter a saúde entre os fieis", tal e como aseguran dende a diócese Mondoñedo -Ferrol, dende onde destacan que este sería un ano especialmente concorrido ao coincidir o 24 en domingo. Tamén estaba previsto que a misa das 18.00 horas estivera oficiada polo bispo. Deberá agardar, como os devotos, a que o virus dea un respiro e os Milagres volvan a ser punto de encontro para os que teñen algo que pedir, algo que agradecer ou que celebrar.

Comentarios