Preocupación en Goiriz ao rexistrase un ataque de lobo a 50 metros das casas

O animal atacou unha poldra de recría que o seu propietario levara ao lugar escapando precisamente dos ataques
photo_camera Poldra morta e casas ao fondo. EP

Algúns veciños da parroquia vilalbesa de Goiriz mostraron a súa preocupación despois de que se rexistrase na madrugada do sábado ao domingo un ataque presuntamente de lobo "a escasos 50 metros" dun grupo de vivendas.

"Nesas casas hai nenos pequenos. Non se van tomar medidas ata que maten unha persoa?", pregúntanse con preocupación, recalcando que "non se pode chegar a estes extremos".

O propietario do animal atacado, unha poldra de recría que foi case completamente devorada, ten unha gandería na parroquia de Vilapedre. "Trouxen algúns animais ata Goiriz a unhas leiras escapando dos ataques, e agora resulta que tamén veñen para aquí", di molesto, mentres calcula as perdas deste último ataque "nuns 700 euros".

"Tiña nove poldros nesa leira. O resto non foron feridos nin nada. Aínda non sei nin por onde puido entrar. A leira está toda pechada con chantas e redes", explica o gandeiro, reclamando medidas e solucións para esta problemática que afecta o seu medio de vida. "Está a acabar con todo", engade.

Comentarios