miércoles. 25.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 25.05.2022
El tiempo

Os premios Innovagal recoñecen o labor docente de Mario Outeiro

Exposición micolóxica no instituto meirego, unha das actividades que forman parte da materia. AEP
Exposición micolóxica no instituto meirego, unha das actividades que forman parte da materia. AEP
O director do IES Pedregal de Irimia puxo en marcha hai catro cursos a materia optativa Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural para que os alumnos coñezan o seu contorno

O director do IES Pedregal de Irimia, Mario Outeiro, vén de ver recoñecido o seu labor docente cun premio educativo Innovagal, concedido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade co obxectivo de pór en valor o labor didáctico a través de prácticas innovadoras que permitan "aplicar metodoloxías activas que sitúen o alumnado como protagonista da súa propia aprendizaxe e que fomenten o traballo en equipo", tal e como recollen as bases da convocatoria.

A concesión do premio susténtase en dous piares, o proxecto educativo do seu actual centro, onde por cuarto ano se imparte a materia de deseño propio Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural, e os traballos previos desenvolvidos na mesma liña en Cervantes, onde puxo en marcha actividades relacionadas coa elaboración do pan na zona dos Ancares e coa apicultura da montaña, que vén de presentar tamén nun congreso pedagóxico en Lugo.

"Non contaba co premio, porque hai iniciativas moi interesantes", apuntou Outeiro ao coñecer a concesión dun galardón que, ante todo, "supón un apoio para seguir traballando na mesma liña".

"O premio indica que se vai no camiño correcto e que temos que seguir traballando para dar o seguinte paso, porque o obxectivo de cara ao futuro é exportar a materia a outros centros e que poida chegar a ser unha materia de configuración autonómica", avanzou, lembrando a boa acollida que ten entre o alumnado de segundo de secundaria, onde Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural, configurada dende o departamento de Física e Química, se oferta como optativa unha vez á semana. De 29 alumnos, elixírona 23, o que xunto a este recoñecemento,dá azos para seguir traballando na mesma liña, que inclúe charlas, prácticas de apicultura e cultivos, saídas para coñecer o contorno a ganderías, recollidas micolóxicas ou calquera iniciativa que encaixe no coñecemento da zona e na posta en valor dos recursos do rural como alternativa de futuro.

"O obxectivo de cara ao futuro é exportar a materia a outros centros educaivos e que sexa de configuración autonómica"

E ideas non faltan. "Queremos mellorar a práctica en horticultura e fruticultura", avanza Mario Outeiro, que xa se puxo en contacto co Concello para facer uso dunha parcela municipal, anexa ao centro, pois o invernadoiro e o terreo co que contan no recinto educativo comeza a facerse escaso para as prácticas previstas.

A CONVOCATORIA. O certame Innovagal conta con dúas modalidades, unha de centro e outra para profesorado, nas categorías de primaria e de secundaria. O proxecto co que concorreu Mario Outeiro foi distinguido na de docentes, concretamente no apartado de Escolas Saudables e Abertas á Contorna, ao que podían optar traballos que promovan estilos de vida e hábitos saudables, deseño de espazos educativos, sustentabilidade e concienciación ambiental, educación para o desenvolvemento sostible ou colaboración coa contorna.

En total, a convocatoria deste ano recoñeceu o labor de seis docentes, todos cun primeiro premio de 3.000 euros na súas respectivas submodalidades; e de seis centros, tres de primaria —os Ceip Torre Cela de Bueu, Camiño Inglés de Oroso e Valle Inclán de Vigo— e tres de secundaria —os IES Valadares de Vigo, A Cachada de Boiro e Manuel Murguía de Arteixo—, recompensados con 10.000, 6.000 e 3.000 euros, respectivamente.

Os premios Innovagal recoñecen o labor docente de Mario Outeiro
comentarios