Premiada unha imaxe do cometa Neowise capturada desde Muras

O ferrolán Marcos López Alonso sacouna desde o Alto da Curuxeira

Unha fotografía do cometa Neowise capturada no Alto da Curuxeira, en Muras, polo fotógrafo ferrolán Marcos López Alonso, foi merecedora de dous premios do certame organizado por Ceos Galegos con motivo do paso do astro preto da Terra.

A imaxe alcanzou o primeiro posto no apartado de público e o terceiro no do xurado, na categoría de fotografías tomadas con telescopio, unha modalidade "tecnicamente complexa e fisicamente sinxela", di López Alonso, un observador habitual dos ceos mureses que no mesmo concurso se alzou como vencedor entre o público e o xurado no apartado de foto divulgativa e creativa cunha imaxe sacada en Meirás (Valdoviño).

O astrofotógrafo, disciplina na que comezou hai uns cinco anos, explica a maxia dos ceos de Muras: "Entre a despoboación, que conleva menor contaminación lumínica; a altura da Serra do Xistral, que fai de pantalla para evitar que chegue a luz doutros lugares, e que o Concello empregue unha iluminación con pouco impacto, fai que sexan moi interesantes", e engade que "se no centro da Coruña podes ver 30 estrelas, en Muras ves 3.000".

Por iso, o interese na astronomía está en alza e Marcos sábeo ben polas actividades que desenvolven no concello chairego nas que sempre queda lista de espera. "No verán pasado participaron máis de cen persoas nas saídas que fixemos", di, mentres destaca o labor de divulgación posta en marcha de cara a que Muras alcance o selo Starlight, que o convertería nun concello con gran potencial turístico.

Comentarios