viernes. 20.09.2019 |
El tiempo
viernes. 20.09.2019
El tiempo

Pratos para presumir do autóctono

Presentación das Exaltacións Gastronómicas de agosto. EP
Presentación das Exaltacións Gastronómicas de agosto. EP
A Apehl organiza a primeira edición das Exaltacións Gastronómicas... E para comer Lugo, nas que participan cinco establecementos chairegos: Parador, Mesón do Campo e Montero de Vilalba, Casa Gaibor de Guitiriz e Río Lea de Castro de Ribeiras de Lea

"Lugo é unha provincia moi rica, con produtos moi variados e de moita calidade, temos moitas carnes, produtos do mar, da horta, unha boa bodega, pan... faise un menú hipercompleto", asegura Pilar García Bermúdez, responsable da Casa Gaibor de Guitiriz, un dos cinco establecementos de hostalaría da comarca chairega que se animaron a participar na primeira edición das Exaltacións Gastronómicas ...E para Comer Lugo, organizada pola Asociación Provincial de Empresarios da Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), coa colaboración da Deputación de Lugo e do xornal El Progreso.

O obxectivo desta iniciativa é pór en valor a calidade da gastronomía luguesa a través da degustación de pratos, incluídos na carta de cada local —cada restaurante decide a forma de presentación—, elaborados con produtos da terra que estean acreditados ou amparados por selos ou distincións de calidade. 

"Queriamos facer algo que implicase aos nosos produtos e aos nosos produtores", explica Cheché Real, presidente da Aphel, quen destaca a importancia da "transversalidade" desta iniciativa. Así, incide en que non só busca promocionar a profesionais dun e doutro lado da cadea, senón tamén crear vínculos entre produtores, "porque temos moitos produtos que son magníficos", e restauradores, aos que lles agradece o "esforzo" que fan sumándose á iniciativa.
Ademais da citada Casa Gaibor, na comarca responderon a chamada para sumarse a esta "interesante" iniciativa o restaurante Río Lea de Castro de Ribeiras de Lea e, en Vilalba, o Mesón do Campo e o Parador, no casco urbano, e o restaurante Montero, de Goiriz.

Os locais chairegos participantes 
Mesón do Campo. C.PÉREZ

Mesón do Campo: Teresa Vázquez está convencida da necesidade de promocionar os produtos da cociña galega. A cociñeira vilalbesa tamén incide en que no seu local se traballa todo o ano con produtos autóctonos de tempada, polo que estas xornadas encaixan na súa filosofía de traballo.

Parador de Vilalba. EP

Parador de Vilalba: O xefe de cociña, Marcos Domínguez, precisa que iniciativas coma esta contribúen non só a poñer en valor "os produtos de proximidade", senón tamén a promocionar aqueles que son menos coñecidos para o público. "Esta é unha boa iniciativa", destaca, apuntando que aquelas propostas que teñen máis éxito, xa sexa destas ou doutras xornadas, vanse incorporando á carta habitual do Parador.

Restaurante Montero. C.PÉREZ 

Resturante Montero: "Sempre é importante resaltar os produtos que temos nós aquí e as xornadas son unha forma de levalo a cabo", indica Manuel Montero, sempre disposto a colaborar coas propostas da Apehl.

Restaurante Río Lea. C.PÉREZ

Restaurante Río Lea: "Nós participamos en todas as xornadas que se organizan", indica José Álvarez, que lembra que non só se suman a estas iniciativas, senón que levan anos promovendo xornadas con produtos autóctonos, coma o cordeiro ou a Galiña de Mos. José espera que esta proposta poida ter continuidade para que se consolide.

Casa Gaibor. C.PÉREZ 

Casa Gaibor: Na súa cociña xa usaban moitos dos produtos das xornadas, pero estas permitíronlles descubrir outros cos que non estaban familiarizados e polos que lle gustaría seguir apostando, segundo explica Pilar García Bermúdez.

Un total de 21 produtos de orixe galega
As Exaltacións Gastronómicas ...E para Comer Lugo prolónganse en 51 establecementos de Lugo durante dez días, a finais de cada mes. O presidente da Apehl, Cheché Real, destaca que nelas se promove o uso dun total de 21 produtos autóctonos amparados por unha Denominación de Orixe (DO), unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou con selo de calidade de orixe luguesa ou galega, ademais das razas autóctonas. Unha cifra salientable, indica, lembrando que en Galicia existen pouco máis de 30.
Agosto: do 16 ao 25
Para a presente exaltación, os produtos escollidos son o Bonito de Burela e as IXP Castaña de Galicia e Pemento de Mougán.
Setembro: do 20 ao 29
Catro son os produtos dos que se quere presumir: o porco celta e as IXP Grelos de Galicia, Pataca de Galicia e Mel de Galicia.
Outubro: do 18 ao 27
Repite o Mel de Galicia, xunto as IXP Faba de Lourenzá e Ternera Gallega e á DO do queixo San Simón da Costa.
Novembro: do 15 ao 24
As xornadas despídense coa posibilidade de saborear a Galiña de Mos, o queixo da DO Tetilla e os Grelos e as Patacas de Galicia.
A outra materia prima 
A iniciativa gastronómica iniciábase en abril coa IXP Faba de Lourenzá, a Merluza do Pincho de Burela e o queixo da DO Arzúa-Ulloa. En maio podíase catar a Ternera Gallega Suprema e a Rubia Gallega, con Grelos e o queixo da DO Cebreiro. En xuño repetía a pescada burelá e estreábanse a IXP Castaña de Galicia e a ovella galega e en xullo tocáballe o turno ao Bonito de Burela, xunto ás IXP Lacón Galego e Pemento de Mougán
Complementos 
Dende a Apehl animan a acompañar cada degustación con viños do CRDO Ribeira Sacra, pan da provincia de Lugo (Afapan), as galegas Daveiga e bebidas da IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Pratos para presumir do autóctono
Comentarios