O PP de Muras critica o uso de placas de inauguracións como tapas de rexistros

Denuncian que algunhas están colocadas nas inmediacións área recreativa da Veiga 
Placa usada como tapa. EP
photo_camera Placa usada como tapa. EP

O grupo municipal do PP de Muras denuncia o uso de varias placas de inauguracións de obras de distintas instalacións no municipio como tapas para os rexistros da auga ou da luz.

A voceira do Partido Popular de Muras, Eugenia Requeijo, non só lamenta que as placas foran retiradas dos seus lugares "tan pronto chegou ao goberno o actual executivo local; senón que agora se usen para tapar rexistros", xa sexa da canalización da auga coma da instalación da iluminación pública.

Placas - arquetas Muras​Dende o Partido Popular explican que dous dos rexistros que teñen estas placas colocadas están situados nas inmediacións da área recreativa da Veiga e critican que estes elementos utilizados como peches implican "un impacto visual nunha das zonas naturais máis atractivas e máis visitadas do municipio".

A voceira do grupo municipal do Partido Popular engade tamén que "guste ou non", o feito de arrancar as placas dos lugares onde estaban colocadas, "non borra as melloras realizadas en Muras polos anteriores mandatarios" do Concello.

Nese sentido, Eugenia Requeijo defende que "o goberno local actual debe dar exemplo de respecto e civismo" e non promover estas prácticas. Tamén incide na necesidade de "facer unha correcta xestión das placas atendendo á normativa medioambiental".

Comentarios