Tres positivos por Covid-19 na residencia de dano cerebral de Castro

Tras o primeiro positivo por Covid-19 rexistrado na residencia de dano cerebral de Cruz Vermella en Castro de Ribeiras de Lea elevouse a tres o número de contaxios, tal e como avanzou a Consellería de Política Social no balance diario que emitiu este xoves.

Os tres positivos, tal e como indican no mesmo comunicado, son de usuarios da residencia, un centro que incrementou a realización de test tras coñecer o primeiro contaxio. Este non revestía gravidade, pero foi illado desde o principio.

Desde o centro non facilitaron información este xoves e desde o Concello aseguraron que levan días tomándose medidas para evitar a propagación do virus. "Entregóuselles material, como fixemos nas residencias de maiores de Castro e de Castro de Rei, e o Concello realiza a diario labores de desinfección no exterior de todas as instalacións", di o rexedor, Francisco Balado, que indica que no caso da residencia de maiores de Castro de Rei tamén se realizaron tarefas de desinfección na cociña, os corredores e os espazos comúns.

Comentarios