Os porcos celtas de Ribeira de Piquín formarán parte do estudo Life-Silfore

A Xunta escolleu tres proxectos en Galicia, entre eles o do monte de Mestre, para analizar métodos que melloren a resistencia das masas forestais ante o cambio climático e os incendios
Instalacións para os porcos celtas en Ribeira de Piquín. EP
photo_camera Instalacións para os porcos celtas en Ribeira de Piquín. EP

O municipio de Ribeira de Piquín, e máis concretamente, unha zona dos montes de Mestre parcialmente repoboada de piñeiro silvestre, é a elixida en Lugo pola Xunta para participar no proxecto colaborativo Life-Silfore, unha iniciativa que se desenvolverá ata 2027 e que se centra na "aplicación de medidas silvopastorais que promovan o desenvolvemento da economía rural e local", segundo indican dende a Consellería de Medio Rural.

Así, en Ribeira de Piquín farase un seguemento medioambiental e económico do proxecto ao redor do porco celta que xa ten en marcha o Concello nunha superficie de dez hectáreas, onde se fai uso dun sistema automático e móbil de alimentación.

Esta actuación complementarase coas outras dúas previstas en Galicia. En Cenlle (Ourense), estudarase o silvopastoreo en bosques de carballos por medio de gando porcino, tamén da raza autóctona porco celta, e en Moaña (Pontevedra). analizarase o aproveitamento do sotobosque de piñeirais e de matogueiras por medio de gando caprino, tamén de raza autóctona. Precisamente onte, os participantes do proxecto Life-Silfore visitaron no Monte Xaxán as parcelas elixidas para este proxecto, pertencentes á comunidade de montes veciñais en man común de Meira.

Ademais das tres iniciativas galegas a estudo, levaranse a cabo outras seis en Portugal, Asturias e País Vasco, sumando un total de 92,4 hectáreas que ofrecen "gran parte da variedade ecolóxica e socioeconómica dos bosques das zonas atlánticas e subatlánticas", indican desde a Xunta, co obxectivo de procurar "novos métodos para lograr que as masas forestais destas zonas sexan máis resistentes ao cambio climático, así como para facer un uso gandeiro dos bosques de cara a previr incendios forestais e aumentar a diversidade".

O Life-Silfore presentábase onte no Centro de Investigación Forestal de Lourizán coa presenza de José Luis Cabarcos, director da Agacal, e nel colaboran, ademais deste organismo galego, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario, o Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), o Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario do Principado de Asturias e a USC.

Comentarios