Pontón pide que Endesa achegue parte dos fondos para un plan para recuperar o Eume

Propón un plan de recuperación cun presuposto de 250 millóns para un proxecto que se prolongaría durante catro anos
Ana Pontón, á beira do Eume.KIKO DELGADO (Efe)
photo_camera Ana Pontón, á beira do Eume.KIKO DELGADO (Efe)

A portavoz do BNG, Ana Pontón, propuxo que se poña en marcha un plan, denominado Plan Eume, durante catro anos, entre 2021 e 2025, dotado cun investimento de 250 millóns de euros, para lograr "a recuperación ambiental e o impulso económico e social deste enclave natural".

Así o trasladou a dirixente nacionalista en Pontedeume, nas inmediacións do Centro de Interpretación das Fragas do Eume, onde desprazouse este martes para comprobar o estado que presenta o río Eume, acompañada, entre outros, polo deputado autonómico Ramón Fernández e os portavoces do BNG nos municipios de Pontedeume, Cabanas, As Pontes e Monfero, ademais da responsable comarcal.

"Trátase dunha proposta integral con dúas grandes liñas de traballo paralelas que se plasman, en primeiro lugar, nun Plan de rexeneración ambiental e, a segunda, nun Plan de actuación plurianual 2021-2025", subliñou Pontón.

ÁMBITOS

A portavoz nacional do BNG detallou que o primeiro dos ámbitos desenvolveríase neste ano 2020 e no próximo 2021, coa "rexeneración do río" xa que "o primeiro que hai que facer é salvalo". Incluiría "tomar as medidas necesarias para a recuperación da súa contorna, coa realización dunha auditoría que mostre cal é a situación real e que ofrecerá logo as claves para a seguinte fase".

Segundo Pontón, deberá de ser a Xunta a encargada de realizar este traballo e así esixir "responsabilidades a Endesa, coas compensacións necesarias, porque quen contamina non se pode ir de rositas sobre todo cando obtén grandes beneficios". 
En canto ao Plan de actuación, a desenvolver até o ano 2025, Pontón cifrouno en "250 millóns de euros", que deberán de ser achegados por Endesa, Xunta e outras administracións, "elaborado nun amplo proceso de participación social e institucional, coa implicación de todos os concellos afectados, así como os axentes económicos e sociais afectados".

En canto á maneira de xestionar o mesmo, o BNG propón a fórmula de "un consorcio ou dun convenio" coa participación dos municipios e da Deputación da Coruña.

PLAN REITOR

Segundo Ana Pontón, "este plan debe recoller actuacións de conservación e recuperación do patrimonio natural e cultural, actuacións de dinamización socioeconómica, de promoción, divulgación e participación e investimentos en mellora de infraestruturas e servizos". 

Ademais, apuntou que esta proposta "debe de ir acompañada do Plan reitor de uso e de xestión do Parque natural das Fragas do Eume, sen aprobar polo Goberno do PP a pesar de transcorrer décadas desde a declaración como espazo natural" desta zona que aglutina a cinco municipios: As Pontes, A Capela, Cabanas, Pontedeume e Monfero. 

A portavoz do BNG aproveitou a súa presenza na zona para criticar a situación na que está o río Eume, "que ten –esgrimiu– en Endesa o seu máximo responsable e na Xunta un cómplice necesario, xa que se dedicou durante anos a miar para outro lado".

Neste escenario, aludiu á situación vivida recentemente, coa turbidez da auga, que impediu durante máis de dez días o seu consumo polos veciños de Pontedeume, e sinalou que "é a punta do iceberg dun desastre ambiental anunciado, porque non se tomaron medidas nin se actuou con decisión para frear a contaminación e esixir responsabilidades". 

Comentarios