Sete Pontes organiza a campaña para promover o comercio local neste Nadal

Os negocios participan nunha iniciativa que durará desde este xoves, día 10, ata o 5 de xaneiro, na que se sortearán 2.000 euros entre os consumidores
photo_camera Álvaro Fraga e Antía Naveiras na presentación. EP

A asociación de empresarios Sete Pontes presentou este martes a súa campaña promocional e publicitaria de Nadal, Merca e Gaña no Comercio Local de Vilalba, unha iniciativa na que se sorteará un total de 2.000 euros entre os catro consumidores agraciados, que deberán gastar ese diñeiro nos establecementos participantes.

Os negocios asociados do sector da hostalaría e do comercio forman parte dunha campaña que se estenderá desde o xoves, día 10, ata o vindeiro 5 de xaneiro de 2021, ambos inclusive, co obxectivo de animar aos veciños de Vilalba a consumir nos locais e nas tendas de proximidade para "contribuír positivamente na economía local" vilalbesa, indican desde o colectivo empresarial. E remarcan que os servizos son un dos sectores máis vitais da localidade, "tendo así un innegable interese público, social e económico", apuntaron o presidente de Sete Pontes, Álvaro Fraga, e a representante dos comercios asociados, Antía Naveiras, no acto celebrado esta semana.

Desde o colectivo, ademais, este martes daban a coñecer nas redes sociais un vídeo gravado en diferentes establecementos que forman parte da asociación para incentivar as compras neles.

Para levar a cabo este plan promocional contan coa colaboración de Caixa Rural Galega e de Abanca, entidades ás que a asociación de empresarios lles agradece a súa implicación con "actividades que favorecen aos nosos asociados", expresaron.

En cada establecemento haberá papeletas con 14 casillas que se deberán completar selando naqueles negocios nos que se consuma

PARTICIPACIÓN. Neste Merca e Gaña poden participar todas aquelas persoas que consuman nalgún dos establecementos adheridos a Sete Pontes durante o período da campaña. En cada local atoparán unhas cuartillas con 14 casillas, sete de comercio e sete de hostalaría, que deberán completar selando nos negocios nos que mercaron. Cada casilla irá marcada por un local diferente e o cliente deberá gardar os tickets cos que xustificará as súas compras, as cales non teñen un importe mínimo.

Unha vez cuberta a papeleta, deberanse engadir os datos persoais do participante e introducila nun sobre que poderá atopar nos establecementos asociados.

Así mesmo, o sorteo celebrarase o día 8 de xaneiro, ás 20.00 horas, no local da asociación, logo de recoller os sobres ao remate da campaña e introducir as cuartillas nunha única urna. Desde o colectivo empresarial lembran que unha vez coñecidos os agraciados, se poñerán en contacto con eles para darlles conta do seu premio.

Comentarios