As Pontes inicia un esperado confinamento con Galicia en plena desescalada

A localidade conta con máis de 90 casos de coronavirus 
binary comment
photo_camera Imaxe das Pontes. EP

Illados ao contraxeito. O mesmo día que a hostalería galega iniciaba a desescalada, As Pontes empezaba un confinamento esperado con novas restricións e peche perimetral. Porque o que para moitos negocios galegos este venres foi abrir, aínda que só fosen as terrazas, para os das Pontes foi pechar, recortando horario e espazos.

A nova situación, con máis de 90 positivos por covid-19 na localidade, só permite usar as terrazas, e ao 50%, ata as 17.00 horas, algo que preocupa, e moito, ao sector, que asegura que entre o frío e o coronavirus quedarán sen clientes.

"A xente ten máis respecto, está máis concienciada desde que empezaron a subir os casos a semana pasada", dicían nun negocio de hostalería, mentres varias persoas, ben abrigadas, apuraban o café antes de que o reloxo marcase as cinco.

Varios bares foron pechando nos últimos días nas Pontes por casos positivos, pero os que quedan abertos aseguran que se lles criminaliza. eles son os primeiros en notar o impacto das medidas, con recortes en persoal e, de novo, os Erte. Os restaurantes buscan fórmulas para facer os seus números e a través da asociación de empresarios Cohempo púxose en marcha un servizo de repartición a domicilio, unha axuda que tampouco os aparta do precipicio de facturas.

"Os expertos do comité clínico adoptan estas medidas e nós temos que asumir para evitar un mal maior", expresa o rexedor pontés, Valentín González Formoso. "Aquí estivemos moi ben, sempre con poucos casos, pero se se relaxa e non se cumpren as normas hai consecuencias. Temos que pasar esta fochanca, que o pasaremos como o están facendo outros, e aprender a lección, pero agora hai que corrixir a situación. Temos que ser precavidos, pero non debemos obsesionarnos nin caer no dramatismo", dixo.

O centro de día está pechado —Política Social confirma catro usuarios positivos e un traballador e o Sergas once en centros educativos— e na rúa empézase a facer de noite e as máscaras e os abrigos apenas permiten distinguir aos que seguen coas súas rutinas, entrando a contagotas en comercios que ven caer a clientela. E as luces de Nadal acéndense por primeira vez, un marco estraño para días escuros.

Comentarios