O polo de Rozas terá un simulador avanzado de xestión de tráfico aéreo

O CDTI do Ministerio de Ciencia e Innovación e a Xunta publican a licitación deste novo equipamento por 13 millóns
Polo de Rozas. AEP.
photo_camera Polo de Rozas. AEP.

A Xunta colabora co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación, na licitación de compra pública precomercial para dotar ao polo aeroespacial de Rozas, no aeródromo de Castro de Rei, dun simulador avanzado de xestión de tráfico aéreo.

A licitación deste novo equipamento, que pretende converter Rozas nun contorna segura para a realización de probas con vehículos aéreos non tripulados, forma parte da estratexia 2021-2025 da Civil UAVs Initiative e conta cun orzamento de 13 millóns de euros, que será cofinanciado con fondos europeos e executarase en tres fases.

"Esta licitación supón un avance no proceso do equipamento do polo coa finalidade de convertelo nunha infraestrutura única na que se poidan verificar, testar e, no seu caso, certificar plataformas, instrumentos, sistemas ou aplicacións da industria dos vehículos aéreos non tripulados nun contorno seguro e controlado, creándose un espazo para a experimentación regulatoria", indican desde a Xunta.

"Esta nova infraestrutura permitirá que Galicia siga á vangarda no desenvolvemento de tecnoloxías e servizos vinculados cos vehículos aéreos non tripulados e abre novas oportunidades para a participación de pemes e centros de coñecemento galegos na Civil UAVs Initiative", engaden.

Este equipamento, que dará servizo á comunidade científica e tecnolóxica, contará ademais cos recursos xa operativos no Centro de Investigación Aeroportada (Ciar), así como coas solucións tecnolóxicas desenvolvidas no período 2015-2020 no marco do polo aeroespacial.

O simulador ofrecerá un sistema aberto e interoperable para a xestión do tráfico aéreo e permitirá alcanzar a simulación en calquera escenario reproducindo contornas complexas. Ademais terá en conta a interrelación dos servizos U-Space (o sistema de xestión de tráfico aéreo da UE) e Urban Air Mobility e as Smart Cities e espérase que todos os resultados obtidos serán un referente para a definición do marco regulatorio a nivel europeo e internacional.

A contorna de simulación facilitará ao Ciar operar como infraestrutura de sorporte para o desenvolvemento de tecnoloxía e normativa, contribuíndo a ampliar o mercado de usos civís dos drons.

O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o día 23 e o prototipo de simulador resultante será validado pola Xunta no Ciar, onde permanecerá un mínimo de cinco anos.

O reto: a convivencia de drons e avións
A UE traballa desde 2017 nun sistema de xestión de tráfico aéreo (U-Space) deseñado para dar solución ás novos paradigmas de transporte que xurdirán nas cidades pola convivencia entre os drones e os vehículos aéreos tradicionais. Este sistema de mobilidade aérea intelixente desenvólvese en catro niveis e a contorna de simulación de Rozas contribuirá a avanzar no desenvolvemento deste marco regulatorio europeo e global.

Consulta ao mercado
Previamente a sacar a concurso a licitación fíxose unha consulta ao mercado e participaron sete empresas e consorcios.

Comentarios