Política Social custea 35 prazas en dous centros vilalbeses con 268.000 euros

García visitou as institucións coas que colabora e o espazo para maiores da Xunta

Visita de Fabiola García al centro sociocomunitario de Vilalba. C. PÉREZ
photo_camera Visita de Fabiola García ao centro sociocomunitario de Vilalba. C. PÉREZ

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou Vilalba para coñecer o centro ocupacional, no que o seu departamento sostén 30 prazas concertadas cunha achega de 212.000 euros; a Unidade de Alzheimer, na que custeará cinco prazas cunha axuda de 56.000 euros, e o centro sociocomunitario, "a xoia da coroa" dos 44 que a Xunta xestiona en todo Galicia.

"Quería visitar os centros de atención a persoas maiores e con discapacidade", asegurou a responsable de Política Social, destacando a colaboración e o contacto "permanente" do seu departamento coas distintas entidades sociais existentes en Galicia.

Fabiola García, acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, ou o alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, iniciaba as súas visitas no centro sociocomunitario que dirixe José Antonio Pita e en cuxas actividades participan máis de 3.000 persoas cada ano.

A conselleira foi recibida cunha actuación da coral Luar, que interpretou para ela un tema do seu lugar de orixe, Santa Uxía de Ribeira, ademais de A Sementeira de Fuxan vos Ventos, para logo visitar as instalacións —servizos como fisioterapia ou informática— e intercambiar impresións cos usuarios do que catalogou como "o mellor centro sociosanitario de Galicia" —"eu diría que o mellor de España", apostilou rindo o rexedor vilalbés—. García destacou que a partida destinada a soster este centro incrementouse un 18% ata alcanzar os dous millóns de euros.

O centro sociocomunitario de Vilalba editou 5.000 dípticos con teléfonos de interese para repartir entre as persoas maiores

Unha das propostas que se financia con estes fondos é a nova campaña Estamos para Axudarche, a través da que se editan e reparten 5.000 dípticos entre os maiores do municipio, nos que figuran os teléfonos de interese —urxencias, centro de saúde, Hula, Cruz Vermella, servizo de taxi, forzas de seguridade, etc.— e un espazo para apuntar os seus contactos máis frecuentes.

Tras recibir unha Torre dos Andrade como recordo da súa primeira visita oficial a Vilalba, a responsable de Política Social desprazouse á residencia de maiores da Fundación Hospital Asilo, onde a Xunta subscribiu un convenio para custear cinco das 15 prazas —outras cinco están concertadas co Concello e os restantes asúmeas o propio centro— coas que conta a Unidade Terapéutica de Alzheimer. A consellería subvenciona a posta en marcha dun novo módulo de asistencia, con cargo ao 0,7% do IRPF.

García tamén fixo unha parada no Centro Ocupacional Terra Chá de Vilalba, garantindo a continuidade do apoio da Xunta a un espazo que busca a integración das persoas con discapacidade psíquica e en cuxos talleres, entre outras moitas actividades, fabrícanse as portas do Ratiño Pérez que se inclúen na Cesta Benvida da Xunta.

ENTIDADES SOCIAIS. A conselleira de Política Social destacou ademais que a nova orde para apoiar un total de 124 entidades sociais, 15 delas na provincia, conta cun prespuesto de 15,8 millóns de euros, o que supón un incremento do 60% con respecto á anterior convocatoria. Destes fondos, uns 800.000 euros repártense en Lugo.

Comentarios